A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, reuniuse esta mañá con membros de Cofer para coñecer de primeira man as súas necesidades

A Xunta avoga por poñer á empresa no centro da política económica

Lorenzana destaca as oportunidades en Ferrol para o desenvolvemento de proxectos industriais no eido da descarbonización ou a economía circular e aposta por un traballo coordinado

O DOG publica hoxe unha nova liña de atracción de investimentos e empresas que abre o luns o prazo de solicitude
 

Santiago de Compostela, 19 de xaneiro de 2024

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, mantivo esta mañá unha reunión coa Confederación de Empresarios de Ferrolterra, Eume e Ortegal (Cofer) para coñecer de primeira man as súas necesidades. O encontro enmárcase na filosofía da Xunta, tal e como explicou a conselleira, de “traballar pola empresa, xa que para o desenvolvemento económico e industrial da Comunidade é fundamental falar coa empresa”, poñéndoa no centro da política económica.

No transcurso do encontro, informou da planificación industrial de Galicia, do novo plan de aceleración industrial, así como da  Oficina Económica de Galicia, medidas que pretender ofrecer unha atención inmediata ao tecido empresarial. Tamén se abordou a situación dos fondos europeos, pois existen proxectos industriais moi potentes tanto nesta comarca como en Galicia esperando pola convocatoria ou resolución dos pertes.

Así, Lorenzana destacou as oportunidades que existen na zona de Ferrol para o desenvolvemento de proxectos industriais transformadores no eido da descarbonización ou a economía circular e apostou por un traballo coordinado.

Atracción de empresas

A conselleira incidiu na idea de que o papel da Administración debe ser acompañar ao tecido empresarial. Neste sentido, o DOG publica hoxe unha nova liña para atraer investimentos e empresas para potenciar a actividade económica e a creación de emprego. A convocatoria, que abrirá o vindeiro luns, 22 de xaneiro, conta cun orzamento de 30M€, para promover a posta en marcha de proxectos significativos vinculados tanto ao volume de investimento como á creación neta de emprego.

A convocatoria contempla dous campos de actuación. Dun lado, atenderase a aqueles proxectos que conten cun investimento de entre 800.000 e 10.000.000 de euros en activos fixos tanxibles e intanxibles, obra civil, bens de equipamento, aplicacións informáticas ou adquisición de activos dun establecemento.

Doutro lado, apoiaranse as iniciativas empresarias atendendo á creación neta de emprego cando se xeren máis de 25 postos de traballo na Comunidade.

Os apoios cobren ata o 35% dos investimentos subvencionables ou dos custos salariais de ata 24 meses de todos os novos contratados, no caso das compañías pequenas, e o 25% nas iniciativas promovidas por empresas medianas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/01/2024