A Xunta abre o programa de apoio ao libro e a lectura de 2024 coas cinco primeiras convocatorias de axudas

Xa están dispoñibles no DOG as subvencións para o programa Ler conta moito, que ofrece 208 actividades e 91 artistas para as bibliotecas públicas municipais

Os concellos poden tamén adquirir novidades editoriais en galego para ampliar as súas coleccións e ofrecer así aos usuarios os últimos títulos publicados

Completan este paquete as axudas para profesionais da tradución e as destinadas a gastos de edición, distribución e comercialización do sector do libro

Dotadas cun orzamento de 1,2M€, xa pode consultarse o prazo de solicitude

Santiago de Compostela, 19 de xaneiro de 2024

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades abre o seu programa anual de apoio ao libro e a lectura coa publicación no Diario Oficial de Galicia das cinco primeiras convocatorias de axudas para este 2024 dirixidas a actividades de dinamización da lectura e adquisición de novidades editoriais en galego nas bibliotecas públicas, á tradución e ao sector editorial.

Estas ordes de axudas, cun orzamento global e 1,2M€, enmárcanse no Plan Xeración Cultura para acompañar o gran momento de creación e expansión do sector cultural galego. Neste caso, desenvólvese o previsto no Plan de impulso ao libro galego.

Bibliotecas públicas municipais

O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a liña de subvención a concellos para a programación de actividades de dinamización da lectura nas bibliotecas públicas e axencias de lectura municipais, integradas na Rede de bibliotecas públicas de Galicia. Estas axudas, no marco do programa Ler conta moito, teñen como obxectivo animar á lectura a través dunha programación de actividades atractivas, vinculadas aos intereses dos distintos colectivos e que faciliten o achegamento aos espazos bibliotecarios.

As entidades locais teñen á súa disposición un catálogo con 91 artistas e 208 actividades que se inscribiron para ofrecer os seus servizos. Poden consultalo e solicitar as axudas, cuxo procedemento de concesión será por concorrencia non competitiva ata o 15 de febreiro. Esta primeira liña de axudas está dotada cun total de 195.000€.

Nesta mesma liña, a Xunta de Galicia lanza axudas, dirixidas a concellos, para a adquisición de novidades editoriais en galego e para mellora das coleccións nas súas bibliotecas, para o que tamén deberán formar parte da Rede de bibliotecas publicas de Galicia. A contía reservada neste caso é de 550.000€. Esta liña facilita ás entidades locais a compra de libros, de xeito o que as súas bibliotecas poden ofrecer aos usuarios os últimos títulos publicados. Os concellos interesados en acollerse a estas subvencións, en concorrencia non competitiva, poderán solicitala ata o día 20 de febreiro.

Con este fin, a Consellería abre tamén a plataforma para que as editoriais que o desexen incorporen os seus libros e novidades en galego a dito repositorio e, así, mellorar as coleccións bibliográficas, outorgando un maior abano de ofertas ás bibliotecas. 

Internacionalización da nosa literatura

Outra das convocatorias para o impulso do sector que xa está dispoñible son as axudas dirixidas á tradución. A finalidade desta orde é subvencionar os custos da tradución de diferentes obras literarias de galego a outras linguas e viceversa, o que contribúe á internacionalización da nosa literatura e á edición en lingua galega. Grazas a isto, persoas ou entidades editoras poderán solicitar as axudas, que se resolverán por concorrencia competitiva, e obter un importe máximo de subvención por obra de 6.000 euros.

O investimento total da Xunta é de 200.000 euros en dúas anualidades (90.000 en 2024 e 110.000 en 2025). Poderán solicitar a tradución dun máximo de 15 obras e só serán obxecto de subvención os libros que sexan dunha primeira tradución ou teñan pasado máis de 20 anos desde a última. O prazo de solicitude estará aberto ata o 16 de febreiro.

Cadea de valor do sector do libro

O sector editorial galego tamén se poderá beneficiar de axudas para gastos de edición, distribución e comercialización de publicacións editoriais ao longo deste ano, para a que se incrementa o importe con respecto a 2023 ao pasar de 200.000 a 250.000 euros. Poderán beneficiarse persoas físicas e xurídicas editoriais que estean dadas de alta antes do 1 de xaneiro deste ano. A dotación da subvención distribuirase entre os libros que cumpran os requisitos da orde. As solicitudes poden realizarse ata o 19 de febreiro.

Data de actualización: 19/01/2024