Lorenzana destaca o papel da praza de abastos de Marín como motor do comercio de proximidade
A conselleira de Economía, Industria e Innovación subliña a importancia de colaborar tanto cos concellos como coas asociacións de comerciantes no impulso destes espazos, que se configuran como o mellor escaparate do produto local
A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, visitou hoxe a praza de abastos de Marín, onde destacou o papel desta infraestrutura como un dos motores do comercio da zona, un escaparate dos produtos locais e parte do atractivo turístico do municipio pontevedrés.
Lorenzana subliñou a importancia de colaborar tanto cos concellos como cos propios comerciantes para potenciar estes espazos atendendo ao mesmo tempo as necesidades dos profesionais que desenvolven o seu traballo nos mesmos e as das persoas consumidoras.
Neste sentido, a conselleira de Economía, Industria e Innovación destacou que a praza de abastos de Marín é un exemplo do traballo conxunto que permite impulsar a competitividade dos mercados galegos, apostando polas novas tecnoloxías sen deixar de lado o coidado ao cliente e a calidade.
Lorenzana avogou por aproveitar a situación estratéxica dos mercados, vinculándoos ao entorno no que se integran, e a valores como a sustentabilidade, a protección do medio ambiente e o trato personalizado. Do mesmo xeito, apostou por mellorar a súa accesibilidade, acadar a súa modernización e dixitalización e incrementar os servizos que se prestan á clientela.