O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución da convocatoria do ano 2023
A Xunta concede 181 axudas para a adquisición de taxis adaptados á mobilidade reducida, de baixas emisións ou eléctricos, cun investimento de 902.000 €
As axudas desta convocatoria facilitaron a compra de 27 vehículos adaptados, de 146 taxis de baixas emisións e de 8 vehículos de emisións cero
As subvencións concedidas foron de ata 4.000€ para os taxis de baixas emisións, 6.000€ para vehículos de emisións cero e 10.000€ para taxis adaptados
Os incentivos contribúen a reforzar a inclusión social, con vehículos adaptados ás diferentes necesidades de mobilidade, e a sumar aos profesionais á loita contra o cambio climático, con coches menos contaminantes
Santiago de Compostela, 19 de xaneiro de 2024
A Xunta concedeu 181 axudas para a adquisición de vehículos adaptados a persoas con mobilidade reducida, vehículos de baixas ou cero emisións, cun investimento total de 902.000 euros.
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución que recolle a listaxe dos beneficiarios destas axudas concedidas para a adquisición destes vehículos, no marco da convocatoria do ano 2023.
As subvencións son de ata 4.000 euros para os taxis de baixas emisións, 6.000 euros no caso de vehículos de emisións cero e 10.000 euros para coches adaptados e accesibles a persoas con mobilidade reducida.
En concreto, esta convocatoria facilitou a compra de 27 vehículos adaptados, de 146 taxis de baixas emisións e de 8 vehículos de emisións cero.
Coa publicación hoxe desta resolución dáse cumprimento á necesaria publicidade destes incentivos do Goberno galego ao sector do taxi, logo de ampliar en setembro en 400.000 euros a convocatoria inicial de axudas, tras esgotarse o crédito previsto inicialmente, que ascendía a 500.000 euros.
Estes incentivos contribúen a facilitar a inclusión social, financiando a adquisición de vehículos adaptados ás diferentes necesidades de mobilidade, e a sumar aos profesionais do taxi á loita contra o cambio climático, dotándoos de vehículos menos contaminantes.