A Xunta convoca unha nova convocatoria de axudas de 5,5 M€ para fomentar o turismo enogastronómico e facilitar que as adegas sexan visitables

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a liña que subvencionará o embelecemento de establecementos hoteleiros, de restauración e adegas que divulguen a cultura vitivinícola e gastronómica galega

Impulsarase a creación de programas dixitais vinculados a experiencias de turismo enogastronómico para os visitantes con APPs ou realidade aumentada, entre outras

Apoiaranse proxectos de ampliación de prazas de aloxamento que estean vinculadas á posta en marcha de experiencias enogastronómicas

Santiago de Compostela, 19 de xaneiro de 2024

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a nova convocatoria de axudas dotada de 5,5 M€ para fomentar o turismo enogastronómico con medidas que sufragarán o embelecemento de establecementos de aloxamento, restauración e adegas, a posta en marcha de proxectos dixitais vinculados a recursos enogastronómicos ou a ampliación e mellora da capacidade de aloxamento para este tipo de turismo.

Como se informa no DOG, as axudas teñen tres liñas de actuación. A primeira conta cun orzamento de 2.610.000 euros e impulsará a adecuación e embelecemento de establecementos turísticos (hoteleiros ou de restauración) para a posta en valor de servizos de enoturismo (servizos específicos de adega, actividades dirixidas ao coñecemento e divulgación de todo o relacionado co viño, elaboración, degustación…). Estes establecementos turísticos deberán estar vinculados a unha adega e ou a parte dos seus viñedos.

Nesta liña de embelecemento tamén poderán optar adegas vinculadas a establecementos turísticos, que permitan ser visitadas polos turistas. Sufrágase a implantación dun proxecto novo ou ampliación dun proxecto existente, que poderá consistir na adecuación do centro para a recepción e atención de visitantes, do percorrido para visita, así como os espazos destinados a exposición ou museo. En ambos casos, sempre que se ten que traballar con Denominación de Orixe Protexida ou que teñan certificación Viños da Terra.

Dixitalización

A segunda liña, con 590.000 euros, sufragará proxectos dixitais promovidos por establecementos turísticos de aloxamento e restauración que poñan en valor de produtos vitivinícolas e gastronómicos e favorezan a visita (conectividade, uso de aplicacións móbiles, realidade aumentada, creación de entornos de realidade virtual, xogos, visitas virtuais, ...). Tamén inclúe o desenvolvemento tecnolóxico aplicado ao marketing turístico, a personalización, o desenvolvemento de contidos audiovisuais de calidade e o uso de ferramentas interactivas (photocall interactivo, cartelería interactiva, ...).

A terceira das liñas de actuación, de 2.300.000 euros sufragará a ampliación e mellora da capacidade de aloxamento que impliquen a dotación de novas prazas de aloxamentos, respecto das inscritas no REAT, e que estean vinculados á posta en marcha de experiencias enogastronómicas, tales como visitas en orixe que poñan en valor o proceso de creación da materia prima, o seu coidado, recolección, procesado, elaboración do produto final, así como experiencias interactivas de cociña ou showcooking, degustacións e catas.

As experiencias deberán incluír entre os seus produtos principais, polo menos, un produto que conte con Denominación de Orixe Protexida de Galicia, Indicación Xeográfica Protexida de Galicia, a certificación Viños da Terra, ou que dispoñan do selo de destino Galicia Calidade. O procedemento de concesión das axudas tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva e o prazo para solicitalo comezará mañá sábado 20. As condicións e requisitos están especificados no DOG.

Plan de Sustentabilidade Enogastronomía de Galicia

Esta liña de subvencións enmárcase nos distintos proxectos que a Xunta de Galicia ten en marcha con fondos europeos que foron asignados á comunidade galega. En concreto, forma parte do Plan Territorial Enogastronomía de Galicia deseñado pola Xunta no horizonte de 2025 con 34,5 M€ e que está composto con tres accións de cohesión en forma de liñas de axuda -unha delas esta-, así como 13 Plans de Sostibilidade Turística en Destino nun total de 80 concellos galegos.

Data de actualización: 19/01/2024