A Xunta destaca a contribución de 'O Gran Camiño' como escaparate turístico da comunidade e ao auxe do ciclismo

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, asistiu hoxe á presentación da terceira edición da proba, que atravesará as catro provincias galegas do 22 ao 25 de febreiro
 

Diego Calvo incidiu en que a celebración de probas deportivas de primeiro nivel na comunidade e, en xeral, a unión de deporte e turismo xeran importantes beneficios para a economía galega

Santiago de Compostela, 20 de xaneiro de 2024

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou hoxe na presentación da terceira edición da proba O Gran Camiño 2024, que reunirá centos de ciclistas do 22 ao 25 de febreiro para desfrutar das etapas nas catro provincias galegas.

Diego Calvo puxo en valor que esta competición contribúe, xunto a outras como O Gran Fondo Ézaro, a Volta Ciclista Galicia ou as etapas de La Vuelta a España pola comunidade galega nos últimos anos, a situar Galicia “como un gran escaparate turístico co deporte como fío condutor”. Ademais, supón un importante revulsivo económico para os concellos que forman parte do percorrido de cada etapa e demostra que “deporte e turismo unidos dan como como resultado beneficios moi importantes para a economía galega”. 

No caso de O Gran Camiño, nas últimas edicións obtivo retransmisións a través de Eurosport en case 200 países e xerou nove millóns de impactos en redes sociais que axudan a que a imaxe de Galicia chegue a todo o mundo. Polo tanto, serve de foco de atracción de turistas e peregrinos que se animen a viaxar á comunidade ou a descubrila a través do Camiño de Santiago. Así, segundo o vicepresidente primeiro, as distintas etapas simulan as que realizan os peregrinos que cada ano camiñan a Compostela a través das distintas rutas xacobeas.

Este éxito débese ao alto nivel da proba profesional, xa que forma parte da categoría 2 de probas por etapas do calendario da UCI Europe Tour e conta con grandes equipos internacionais, entre eles o Visma Lease a Bike, ao que pertence Jonas Vingegaard, gañador da edición do ano pasado e dos dous últimos Tours de Francia.

Por iso, Diego Calvo agradeceu ao director xeral da firma de eventos deportivos Emesports e de probas como O Gran Camiño, o exciclista Ezequiel Mosquera, a organización dun evento desta magnitude. Nesta liña, incidiu no amplo dispositivo para que O Gran Camiño sexa todo un éxito cada ano, coa participación das forzas e corpos de seguridade e dos voluntarios e voluntarias de Protección Civil, cuxo traballo se recoñeceu no acto de hoxe.

O vicepresidente primeiro tamén sinalou na súa intervención que competicións como esta de O Gran Camiño “axudan a que nenos e nenas se animen a coller a bicicleta e levar unha vida saudable facendo deporte e a que o ciclismo galego siga medrando”.

Etapas

O percorrido comeza o 22 de febreiro cos 14,7 quilómetros da etapa Camiño da Coruña, con saída e chegada á Torre de Hércules. Ao día seguinte, o pelotón realizará o Camiño de Lugo de 155,6 quilómetros entre Taboada e Chantada. A etapa máis longa será a do 23 de febreiro, a do Camiño de Ourense, de Xinzo de Limia a Ribadavia con 183,3 quilómetros. O Gran Camiño rematará co Camiño de Pontevedra o 25 de febreiro, nun percorrido de 158,7 quilómetros de Ponteareas a Tui.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/01/2024