Un total de 456 comercios e 246 clubs realizan 56.000 operacións do Bono Deporte do que xa desfrutan 106.000 nenos

O secretario xeral para o Deporte visita o Club Baloncesto Salesianos no que o 78% dos seus xogadores 6-16 utilizaron o bono para pagar a cota do club nos primeiros dez días de campaña

Vigo, 18 de xaneiro de 2024

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, visitou no serán de hoxe o pavillón do Colexio María Auxiliadora para acompañar aos rapaces e rapazas nos adestramentos do Club Baloncesto Salesianos como club adherido ao Bono Deporte. No momento actual, preto de 106.000 nenos e nenas de entre 6 e 16 anos federados ou inscritos no Xogade xa teñen descargado o seu Bono Deporte cun gasto total de entre todas as actuacións realizadas de preto de 5,6 millóns de euros. Galicia conta con 456 comercios adheridos que realizaron máis de 50.000 operacións e, por outra banda, contabilízanse 246 clubs que levaron a cabo máis de 6.000 operacións. 

O Club Salesianos é un dos clubs olívicos máis activos con 233 operacións xa realizadas dentro da campaña do Bono Deporte e que supuxeron un gasto de 34.850 euros. O Club Salesianos conta cunha sección de baloncesto -310 xogadores federados e unha escola deportiva con 40 nenos e nenas- e outra de fútbol sala -55 xogadores-. O total de rapaces e rapazas entre 6 e 16 anos federados no club é de 300, polo que en tan só dez días de campaña do Bono Deporte, o 78% dos xogadores 6-16 do Club Salesianos utilizaron o bono para pagar a cota do club.

Lete Lasa destacou o traballo realizado polo Club Baloncesto Salesianos que está a experimentar unha expansión do seu número de licenzas, sendo xa o terceiro club de baloncesto en toda Galicia. Neste aumento da participación destaca o incremento das licenzas femininas xa que actualmente o club conta con máis nenas que nenos e rendendo a gran nivel como demostra que todas as categorías inferiores femininas están xogando na súa correspondente primeira división. O mandatario galego fixo referencia ao lema do club -’Baloncesto para todos’- e uniu a súa filosofía coa política deportiva da Xunta de Galicia que conta no seu Plan Galicia Saudable co lema de ‘Deporte para todos’.

Este é o obxectivo do Bono Deporte que ten por finalidade axudar ás familias nos gastos derivados da práctica deportiva dos nenos en nenas de 6 a 16 anos federados ou do programa Xogade. Cada neno ou nena recibe 120 euros para a adquisición de material e equipamento deportivo ou a realización de actividades deportivas, tratándose dun desconto do 80% nos gastos ata chegar a eses 120 euros para cada caso.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/01/2024