A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, escoitou hoxe as súas experiencias na Oficina Municipal Xuvenil desta localidade

A Xunta coñece as experiencias da mocidade que forma parte de programas de participación europeos en Ribadavia

Distintos mozos e mozas deron a coñecer os proxectos nos que participan como o programa ‘Entre o mar e as montañas’ que pon en contacto a alumnado do CEIP Plurilingüe de Ribadavia co país veciño, Portugal

Ribadavia (Ourense), 18 de xaneiro de 2024

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, coñeceu as experiencias da mocidade de Ribadavia que está a participar en accións de participación europea no marco do programa Erasmus+. Foi durante unha visita esta tarde á Oficina Municipal Xuvenil (OMIX) de Ribadavia.

Entre as actividades nas que está a participar a mocidade destaca a colaboración co CEIP Plurilingüe de Ribadavia na posta en marcha dun proxecto europeo que mestura métodos de educación formal con métodos de educación non formal e informal. O proxecto ten por nome ‘Entre o mar e as montañas’ e que pon en contacto ao alumnado de educación primaria co país veciño, Portugal.

Tamén contaron a súa experiencia as persoas voluntarias do Corpo Europeo de Solidariedade en Ribadavia, que están apoiando a comunidade local e as labores do persoal técnico do Concello nas áreas de xuventude e cultura. Así mesmo, trasladaron as súa visión aquelas persoas que participan no Curso de Formación Internacional sobre liderado creativo no traballo xuvenil que terá lugar este ano en Eslovenia. 

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/01/2024