A Xunta retirou das praias galegas máis de 3.130 quilos de pellets e 7.700 quilos doutros plásticos
O dispositivo despregado polo Executivo autonómico por terra está conformado hoxe por máis de 400 persoas que traballan en 51 areais de 27 concellos mentres que por mar están mobilizados dous helicópteros e un total de 12 embarcacións
O persoal mobilizado polo Goberno autonómico tamén inspeccionará medio cento de areais en seis concellos a petición das entidades locais
O dispositivo despregado pola Xunta nas praias e no mar para a recollida dos pellets perdidos polo mercante Toconao en augas portuguesas permitiu recuperar ata o momento máis de 3.130 quilos deste material, o equivalente 125 sacos. Ademais, desde o 10 de xaneiro tamén se retiraron dos areais 7.700 quilos doutros plásticos asimilables a residuos urbanos.
Cómpre precisar que os medios aéreos e marítimos poden ver condicionada a súa actuación polas condicións meteorolóxicas e pola necesidade de atender outras obrigas como o apoio aos máis de 4.000 buques pesqueiros e arredor de 2.000 barcos bateeiros da comunidade, o salvamento ou a vixilancia e control da frota.