O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria participou neste acto, celebrado hoxe na sede da Axencia

A Xunta pon en valor os produtos ecolóxicos na presentación do quinto barómetro do Craega

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria asistiu á presentación deste documento que analiza a percepción e o consumo deste tipo de alimentos en Galicia

O estudo baséase en cuestións como os establecementos de compra habituais, as características cos que os asocia a poboación ou a frecuencia de consumo para realizar a análise

Este documento é froito dunha enquisa telefónica cunha mostra de 900 persoas maiores de 18 anos con responsabilidades na compra cotiá de alimentos do fogar

Santiago de Compostela, 18 de xaneiro de 2024

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, asistiu hoxe á presentación do 5º Barómetro do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia 2023 sobre a percepción e consumo de alimentos ecolóxicos en Galicia, que tivo lugar esta mañá na sede da Axencia en Santiago de Compostela.

O estudo realízase cada tres anos -con edicións en 2010, 2013, 2017, 2020- e ilustra o coñecemento que ten a sociedade galega sobre os produtos ecolóxicos, baseado en cuestións como cal é a opinión xeral que se ten sobre este tipo de alimentos; cales son os que máis se consumen; os establecementos de compra habitual, que características se asocian a eles ou con que frecuencia se consumen.

Durante a súa intervención, o director puxo en valor este tipo de estudos, que axudan a comprender o panorama actual con respecto a estes produtos e serven como folla de ruta para desenvolver novas estratexias de promoción. Ao mesmo tempo, contribúen a potenciar o sector primario, unha das bases nas que se sustenta a economía galega, e a recoñecer o traballo e o bo facer dos produtores, resaltou Cabarcos.

O Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia

O estudo foi realizado polo Craega e os resultados son produto dunha enquisa telefónica feita en xuño de 2023 a 900 persoas galegas maiores de 18 anos con responsabilidades na compra cotiá de alimentos do fogar.

Así, cabe sinalar que a produción ecolóxica implica un sistema de xestión e produción agroalimentaria que combina as mellores prácticas ambientais xunto cun elevado nivel de biodiversidade e de preservación dos recursos naturais, así como a aplicación de normas existentes sobre benestar animal, coa finalidade de obter unha produción conforme ás preferencias de determinados consumidores polos produtos obtidos a partir de sustancias e procesos naturais.

Neste sentido, o Craega é quen ten delegadas as funcións de inspección sobre os máis de 1.000 operadores inscritos. Ao mesmo tempo, o consello regulador é un dos 38 experiencias de calidade diferenciada amparados pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/01/2024