Rivo destaca a contribución á igualdade da piragüista Teresa Portela como exemplo da Galicia xusta e diversa pola que traballa a Xunta

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, participou na entrega do VIII premio Executivas de Galicia á palista

Lembrou que a Xunta impulsa o liderado da muller no eido deportivo, científico e empresarial a través de iniciativas que rachan coas fendas de xénero

Pontevedra, 17 de xaneiro de 2024

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, participou no acto de entrega do VIII premio Executivas de Galicia á piragüista Teresa Portela. Durante a súa intervención, a representante autonómica subliñou o liderado desta deportista con 30 anos de traxectoria que inspira, dixo, a todas as mulleres, e que marcará os pasos de novas xeracións de deportistas de todas as disciplinas.

Galicia está a sentar as bases dunha sociedade máis xusta, equitativa, solidaria e diversa, indicou Rivo, quen especificou que ese é o mellor legado que se pode deixar ás novas xeracións. Destacou a contribución de Portela á igualdade no deporte polo seu “esforzo, paixón e traballo” atesourada por tres décadas de éxitos.

O Goberno autonómico considera prioritario incrementar a presenza da muller nos ámbitos deportivo, científico ou empresarial, promovendo a eliminación dos desequilibrios e situando a perspectiva de xénero nun primeiro plano, recalcou a conselleira. Para acadalo, especificou, a comunidade conta, entre outras moitas iniciativas, co III Programa de Muller e Ciencia para un sistema de ciencia, tecnoloxía e innovación igualitario; co VIII Plan estratéxico de igualdade entre mulleres e homes; ou co novo programa Lideramos que forma un cento de mulleres en liderado e xestión de equipos.

Tamén no eido deportivo está a colaborar a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade coa Secretaría Xeral para o Deporte e as federacións para a loita contra a violencia de xénero, o patrocinio de equipos de mulleres e en materia de corresponsabilidade.

“Desenvolver actuacións con perspectiva de xénero é estratéxico para avanzar cara a un modelo de sociedade máis xusta”, dixo Rivo. Neste ámbito lembrou que 300 mulleres poderanse beneficiar en 2024 de incentivos á contratación en sectores onde tradicionalmente predominan os homes.

A comunidade conta desde o pasado novembro, por outra banda, coa nova Lei de Igualdade, nada dos dous anos de traballo cos axentes sociais, persoal experto, partidos políticos e outros axentes para actualizar o marco normativo e seguir a situar a Galicia á vangarda na igualdade efectiva de mulleres e homes.

O texto incide na erradicación de actitudes machistas e de calquera tipo de discriminación no eido da cultura e do deporte, nomeadamente no deporte de competición, fomentando actividades deportivas e artísticas inclusivas e igualitarias, rematou a conselleira, quen indicou que non pode estar máis de acordo coas socias de Executivas de Galicia por elixir que o galardón deste ano recaese en Teresa Portela, unha figura “querida e valorada e gran embaixadora de Galicia”.   

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/01/2024