Rivo sinala o coñecemento, a diversidade de talentos e o potencial emprendedor de Galicia como claves para dar resposta aos retos do mercado laboral

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, participou nun foro cos socios do Círculo de Empresarios de Galicia

Destacou como un dos principais activos da comunidade, o potencial emprendedor que está a canalizar a Rede de polos de emprendemento desde hai un ano e medio

Avogou polas microformacións en tendencia na Unión Europea para dar resposta ás competencias que demandan os sectores que cambian a gran velocidade

Vigo, 17 de xaneiro de 2024

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, acompañada da delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, participou nunha tribuna cos socios do Círculo de Empresarios de Galicia na que abordou os novos retos do mercado laboral e avogou por unha nova economía para Galicia “baseada no coñecemento, na tecnoloxía, na innovación e na internacionalización”.

“Galicia debe estar preparada para enfrontar a transición a un mercado máis sustentable, dixitalizado e comprometido coa igualdade, contar coa diversidade dos talentos é algo esencial para acadar este obxectivo”, afirmou a titular de Promoción do Emprego.

Rivo salientou o potencial emprendedor dos galegos como un dos principais activos. A Xunta de Galicia, remarcou, está a acompañar a todas as persoas que desexen desenvolver unha idea de negocio, a través da formación apropiada e indo da man en todas as etapas do emprendemento, grazas á Rede de polos de emprendemento despregada hai máis dun ano e medio.

Galicia está a afirmar o seu compromiso co emprendemento para poñer en marcha iniciativas novas, conectadas coas contornas e que favorezan o desenvolvemento de proxectos vitais das persoas traballadoras, indicou Rivo.

A formación laboral constitúe outro dos eixos cos que a comunidade enfrontará os retos do mercado. “A necesidade de formación continua é unha constante para o óptimo exercicio da actividade empresarial”, aseverou a representante autonómica.

Para dar resposta ás vacantes e capacitar ao capital humano nas competencias que demanda o tecido produtivo, o Goberno galego está a impulsar as microcredenciais, formacións de curta duración en tendencia na Unión Europea, que ofrecen solucións a sectores que mudan de forma rápida e propugnan un modelo inclusivo.

A optimización dos servizos de emprego, os avances no benestar e na cultura empresarial igualitaria e diversa e a aposta pola economía social son outras das claves apuntadas pola conselleira para que a economía galega siga a avanzar.

Rivo trasladou o seu agradecemento á xunta directiva do Círculo de Empresarios de Galicia, “referente da opinión empresarial galega”, pola invitación a participar no foro de hoxe. “Todos nós cremos nas potencialidades que brinda Galicia e na importancia vital do noso tecido produtivo, queremos traballar pola prosperidade do noso territorio e por unha economía galega en auxe, innovadora e preparada para os retos”, rematou.

Data de actualización: 17/01/2024