O programa de dinamización lingüística da Xunta "21 días co galego e +" chega por primeira vez aos centros de educación infantil
O secretario xeral de Política Lingüística e o director xeral de Centros e Recursos Humanos participan na apertura da VI edición, que se estenderá ata o 6 de febreiro
Santiago de Compostela, 17 de xaneiro de 2024
O programa de dinamización lingüística da Xunta 21 días co galego e + bota a andar a súa VI edición cunha novidade principal, a incorporación dos centros de Educación Infantil como participantes. Así o avanzaron esta mañá no acto de apertura desta iniciativa o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, que destacaron “a importancia de enfocar nas primeiras etapas educativas o esforzo dinamizador e normalizador da lingua galega”.
Na sesión de apertura, que acolleu a Facultade de Ciencias da Educación baixo a organización do Colexio CEIP López Ferreiro, tamén participaron o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, así como representantes institucionais e o profesorado e alumnado do centro. Ademais, os restantes nove centros adscritos ao programa realizaron cadanseu acto de apertura ao longo do día de hoxe.
Difusión e encontro final
Baixo o lema Medrando en galego, o alumnado dos centros participantes intensificará voluntariamente a súa expresión en galego durante 21 días. Disto quedará constancia nas redes sociais do programa e no blog 21diascogalegoemais.gal, o soporte central da iniciativa, onde se mostrarán as creacións dos centros participantes e onde, por primeira vez, tamén se publicará durante as tres fins de semana contido lúdico para que as familias continúen o labor iniciado nos centros.
O broche de ouro da edición porao de novo o Encontro 21 días co galego e +, que na súa segunda edición, reunirá o 21 de febreiro, Día da Lingua Materna, o alumnado e profesorado de todos os centros participantes no Auditorio Domingo Fontán do Gaiás para compartir, nunha sesión lúdica, as súas experiencias no programa.
Centros voluntarios participantes
Neste curso 2023/24 o programa desenvolverase nos colexios CEIP Ponte dos Brozos (Arteixo), CEIP de Prácticas López Ferreiro (Santiago de Compostela) e CEIP Plurilingüe da Ramallosa (Teo), na provincia da Coruña; no CEIP Plurilingüe de Nadela e CEIP Frei Luís de Granada (Sarria), en Lugo; no CEIP O Couto (Ourense) e CEIP Ramón Otero Pedrayo (O Barco de Valdeorras), en Ourense e no CEP Campolongo (Pontevedra), CEIP Plurilingüe García Barbón (Vigo) e CEIP Plurilingüe Pintor Laxeiro (Vigo), na provincia de Pontevedra.