A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, mantivo un encontro de traballo coa Asociación de Veciños de San Xoán, atendendo a solicitude de reunión traslada pola entidade

A Xunta inicia as obras do aparcadoiro disuasorio de San Xoán, en Ferrol, nas que inviste máis de 780.000 euros

Trátase da execución do novo estacionamento para o fomento de vehículo compartido que se sitúa nun lugar estratéxico de entrada e saída da cidade, ao carón da glorieta que comunica o comezo do núcleo urbano de Ferrol coa FE-13
 

O obxectivo da Xunta de iniciar as obras o pasado ano viuse demorado pola falta de resposta ás reiteradas solicitudes das preceptivas autorizacións de Estradas do Estado e tamén de Adif, entidade esta última que non remitiu a autorización ata o 10 de xaneiro
 

Os traballos iniciados no día de hoxe teñen un prazo de execución de 6 meses, polo que a previsión é que o aparcadoiro disuasorio de San Xoán estea en servizo este verán
 

O aparcadoiro terá máis de 2.800 m², disporá dun total de 87 prazas de estacionamento, 3 delas para mobilidade reducida e 3 con preinstalación de puntos de recarga de vehículos eléctricos
 

Respondendo á petición dos veciños, disporanse 2 marquesiñas nas dúas marxes da rúa Souto, para facilitar a accesibilidade ao transporte público

Ferrol, 17 de xaneiro de 2024

A Xunta iniciou hoxe as obras do aparcadoiro disuasorio de San Xoán, en Ferrol, nas que inviste máis de 780.000 euros. 

Así o trasladou a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, no encontro de traballo mantido hoxe coa Asociación de Veciños San Xoán-Bertón na sede da entidade, no que tamén estivo o alcalde Ferrol, José Manuel Rey.

O obxectivo do encontro, co que se atende a solicitude de reunión realizada pola asociación, da man do seu presidente, Andrés Medín, foi informar aos veciños da situación e os prazos previsto para a execución deste aparcadoiro para o fomento do vehículo compartido neste barrio de San Xoán. O aparcadoiro disuasorio situarase na parcela próxima ao local da Asociación, nun espazo adxacente a estrada estatal F-13, nunha parcela que ata o de agora estaba ocupada por vexetación, entre esa estrada estatal, a rúa Souto e a liña de ferrocarril.
 

Segundo explicou a conselleira, a intención da Xunta era poder iniciar as obras o pasado ano, toda vez que foron licitadas no mes de marzo, adxudicadas en xuño e completados os actos expropiatorios a comezos de outubro.

Para iniciar os traballos eran preceptivas as autorizacións de Estradas do Estado e tamén de Adif, ao situarse o novo equipamento no ámbito de afección dunha estrada estatal e da liña do ferrocarril. Neste aspecto, confiábase en que eses permisos se desen case de forma automática, dado que ambos organismos xa informaran favorablemente na fase de información pública.
 

Ante a falta de resposta dos organismos estatais de Estradas e Adif, a Xunta solicitou aos organismos correspondentes esas autorizacións no mes de agosto e reiteráronse, novamente, en novembro, non tendo recibido ata o 10 de xaneiro a última autorización necesaria para poder iniciar as obras, neste caso, por parte de Adif. Estradas do Estado resolveu a autorización favorable a finais de novembro.

A partir dese momento organizouse o traballo coa empresa adxudicataria de cara a poder iniciar no día de hoxe as obras deste estacionamento, que se sitúa nun lugar estratéxico de entrada e saída da cidade, ao carón da glorieta que comunica o comezo do núcleo urbano de Ferrol coa estrada FE-13.
 
Nestes primeiros días, os traballos consistirán na implantación e roza da parcela, para o seu despexe. Despois retirarase a terra vexetal para, a continuación, proceder ao inicio da explanación da parcela.
 
Seguirase traballando, logo nas conducións soterradas e na drenaxe. No ecuador das obras, comezarase co pavimento das prazas de aparcadoiro. E finalmente executaranse as zonas de tránsito peonil e colocaranse as luminarias, o peche e as marquesiñas.
 

Os traballos teñen un prazo de execución de 6 meses, polo que a previsión da Xunta é que o aparcadoiro disuasorio de San Xoán, en Ferrol, estea operativo e en servizo neste mesmo verán. 

No que se refire ás características do aparcadoiro en execución, o novo estacionamento terá máis de 2.800 m², ofrecendo un espazo de estacionamento que permitirá reducir a circulación de coches polas rúas máis céntricas da cidade.  

Xa no detalle, disporá dun total de 87 prazas cun ancho de 4,80 metros, 3 delas reservadas para vehículos adaptados a persoas con mobilidade reducida; e 3 con preinstalación para a recarga de vehículos eléctricos. 

Terá un viario de circulación perimetral de 3 metros, máis 1 metro destinado á manobra de vehículos e á circulación dos peóns.  

O viario de acceso será de dobre sentido, de entrada e saída, que se fará a través da glorieta existente na rúa Souto. 

Tamén haberá un acceso exclusivo para viandantes que conectará coa avenida Mestre García Niebla, ademais de beirarrúas, co fin de reforzar a seguridade dos peóns.

Completarase a actuación coa dotación de alumeado, disposición de videovixilancia e vexetación na contorna, con especies autóctonas (freixos e bidueiros).  

Ademais, atendendo á petición dos veciños, disporanse 2 marquesiñas en nas dúas marxes da rúa Souto, para facilitar a accesibilidade ao transporte público. 

Esta actuación forma parte dos proxectos promovidos pola Xunta ao abeiro dos fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia Next Generation UE.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/01/2024