O conselleiro de Educación agradece aos equipos directivos a súa implicación na mellora do ensino

Román Rodríguez saúda os participantes nunha das actividades do Plan Anual de Formación do Profesorado e garante o apoio da Xunta de Galicia á súa tarefa

Santiago de Compostela, 17 de xaneiro de 2024

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, saudou hoxe aos membros de equipos directivos que participan na xornada de formación A xestión do centro docente como organización, unha das actividades do Plan de Formación do Profesorado da Xunta de Galicia.

O titular de Educación, acompañado polo director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, agradeceulles a súa implicación na mellora obxectiva do ensino en Galicia, tal e como veñen apuntando diversos informes publicados ao longo dos últimos días, algo ao que contribúe a formación continua dos docentes para ofrecer unha mellor atención ao alumnado. Neste particular, lembrou que os centros educativos precisan dunha xestión eficaz e eficiente dos seus recursos e que, en gran medida, o bo funcionamento dos mesmos depende dos integrantes dos equipos directivos.

Lembrou, así mesmo, que no marco do acordo asinado entre a Consellería e as organizacións sindicais, está prevista a redución das tarefas burocráticas nos centros educativos, para o que nas próximas semanas se constituirán grupos de traballo con diversos membros da comunidade escolar. Así mesmo, informou de que os incrementos retributivos previstos para os postos directivos aplicaranse xa este mes de xaneiro.

Formación en diversas materias

Estas xornadas formativas celebraranse todos os mércores desde hoxe ata o 7 de febreiro, ademais do sábado 27 de xaneiro. O programa inclúe formación arredor de diversos aspectos vencellados coa protección de datos, a imaxe institucional, a planificación, a prevención de riscos laborais ou os proxectos a desenvolver.

A formación é impartida por diferentes departamentos da Consellería, como Inspección Educativa, o Servizo de Coordinación Estratéxica e Innovación, o de Persoal de Administración e Servizos ou a Subdirección Xeral de Coordinación Administrativa e Réxime Xurídico. Ademais, o director do Colexio Antonio Palacios, Andrés Viéitez, e a directora do Instituto IES Ribeira do Louro, Juana Rosa Muñoz, (ambos do Porriño) expoñen boas prácticas no referido á xestión de proxectos nos seus centros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/01/2024