A Xunta convoca as axudas para gastos de funcionamento das agrupacións de persoal voluntario de Protección Civil

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde de subvencións deste ano, que conta cun orzamento de 340.000 €

Están dirixidas ás entidades dos concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades ou agrupacións de municipios

Santiago de Compostela, 17 de xaneiro de 2024

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as bases reguladoras da convocatoria deste ano da orde de axudas ás agrupacións de persoal voluntario de Protección Civil (AVPC) dos concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades ou agrupacións de municipios inscritas no Rexistro de Agrupacións de Persoal Voluntario de Protección Civil.

A Xunta destinará un orzamento de 340.000 euros a colaborar economicamente coas AVPC nos seus gastos correntes e contribuír así ao seu funcionamento, pese a tratarse dunha competencia de carácter local.

As axudas poderanse destinar a necesidades como equipamento e vestimenta persoal de uniforme, así como a equipos de prevención e protección, e material informático e de comunicación, sempre que se trate de material funxible. Tamén son subvencionables os custos das actuacións levadas a cabo pola agrupación; da conservación, mantemento e alugamento da base e medios de intervencións; e da formación dos seus membros, así como o pagamento de seguros do persoal voluntario.

As entidades interesadas teñen o prazo dun mes desde mañá para presentar as súas solicitudes a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta, https://sede.xunta.gal.

Segundo a orde publicada, para a valoración terase en conta o número de mobilizacións da agrupación no ano 2023, a prestación mancomunada do servizo, o risco potencial de emerxencia estimado polo Platerga, e a poboación e extensión do territorio no que opera a entidade, entre outros criterios.

Esta orde de axudas anual súmase á liña de apoio específica para a dotación de material. A través de ambas as dúas, a Xunta quere promover a creación, o desenvolvemento e o equipamento das organizacións do voluntariado de Protección Civil, tal e como se establece na Lei de Emerxencias de Galicia.

Data de actualización: 17/01/2024