María Sánchez recibe o XVIL Premio Internacional Afundación Julio Camba

Madrid, 17 de xaneiro de 2024

O director da Casa de Galicia en Madrid, Javier Vázquez, participou na XLIV edición do Premio Internacional Afundación de Xornalismo Julio Camba no que a escritora, veterinaria e investigadora cordobesa María Sánchez co seu artigo: 'Escoitar ós mortos' resultou gañadora. Estiveron tamén como finalistas o xornalista Armando Álvarez que participou co artigo titulado 'El glaciar y la luz'; e o articulista e catedrático de Teoría da Literatura e Literatura Comparada José María Paz Gago pola columna de opinión 'La pluma y la pistola'.

O escritor Alfredo Conde presidiu o xurado, ao que este ano se sumaron por vez primeira como vogais o literato e ex vicepresidente de Nicaragua Sergio Ramírez e o director da Fundación Gabo, o colombiano Jaime Abello Banfi.

O premio está dotado con 10.000 euros e unha figura do xornalista Julio Camba inspirada nunha caricatura de Siro López.

O galardón entregouse na Casa de América en Madrid con representantes dos principais colectivos de informadores da cidade e de España, anteriores premiados e premiadas, xornalistas e escritores de recoñecido prestixio españois e latinoamericanos, e persoas procedentes dos ámbitos da universidade e a cultura entre os que se atopaba o director da Casa de Galicia en Madrid, Javier Vázquez.

O xurado destacou do texto a súa aproximación á tradición popular, nun ton que está totalmente en sintonía co tema que aborda. Ademais, e de acordo ao veredicto, o artigo de María Sánchez é emotivo e literario, e está escrito desde unha perspectiva propia, aberta, e respectuosa coa tradición.

Na XLIV edición do premio, o xurado estivo presidido polo escritor Alfredo Conde e o seu secretario foi o director de Comunicación de Abanca, Isaac González Toribio. Actuaron como vogais os xornalistas e escritores Bibiana Candia, Manuel de Lorenzo e Cristina Sánchez-Andrade; o director da Fundación Gabo, con sede en Cartaxena de Indias (Colombia), Jaime Abello; e o escritor e exvicepresidente de Nicaragua, Sergio Ramírez.

Con case 50 anos de historia, o Premio Internacional Afundación de Xornalismo Julio Camba é un dos galardóns da súa categoría máis importantes en lingua española. A Obra Social de Abanca, Afundación, entidade promotora da convocatoria, está a deseñar cambios de cara a próximas convocatorias orientados a promover o diálogo entre articulistas e lectores de diferentes territorios de América e Europa.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/01/2024