A Xunta de Galicia volve licitar a restauración da basílica de Santa María A Maior

Os traballos permitirán renovar os sistemas de evacuación da choiva, substituír o soporte da cuberta e reformar a fachada

O delegado territorial estivo esta mañá cos representantes da Asociación de veciños de Santa María e destacou a súa labor na defensa dos elementos históricos da súa contorna
 

Pontevedra, 16 de xaneiro de 2024

O A Xunta de Galicia ven de licitar a restauración da fachada principal e cubertas da basílica de Santa María a Maior de Pontevedra.

Tras quedar deserta a primeira quenda da licitación, o goberno autonómico aumentou o orzamento da obra co fin de conseguir atraer a varias empresas interesadas neste proxecto.

En concreto as obras están dirixidas a renovar a cuberta da ábsida e da vertente anexa á nave sur con placas de fibrocemento e tella cerámica. Ademais, substituiranse os sistemas de evacuación da choiva.

Tamén se substituirá a estrutura de soporte de dita cuberta e se realizará unha reforma da fachada que inclúe a limpeza da pedra e o tratamento da mesma para evitar a aparición de vexetación que a acabe damnificando.

Por último, fachada occidental de Cornelius de Holanda dotarase de sistema de protección que minimice a presenza de aves que poidan afectar á súa conservación.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, achegouse esta mañá ata a basílica onde puido conversar con varios membros da asociación de veciños de Santa María, quen lle trasladaron a súa satisfacción coa futura obra.

Neste sentido, Reguera felicitou aos veciños pola súa perseveranza e polo “esforzo diario para mellorar a vosa contorna”. Reguera referiuse así á iniciativa da asociación que marcou con códigos QR os principais atractivos da basílica. Uns códigos que, xunto a un folleto, permiten aos visitantes coñecer a través de varios vídeos informativos as curiosidades e características históricas do templo.

A BASÍLICA

A basílica de Santa María a Maior foi construída na súa maioría durante o século XVI aínda que o comezo das súas obras iniciouse a finais do século XV.

Posúe planta basilical de tres naves divididas en tres tramos. As naves laterais amplíanse mediante a adición de dúas capelas. Esta concepción foi alterada pola inclusión de dúas capelas máis no século XVII. A cabeceira amplíase ata alcanzar as dimensións do corpo da igrexa, situando unha capela a cada lado, o que obriga a prolongar o presbiterio e colocar un arco triunfal diante. A maior altura da nave central (15 metros) sobre as laterais (10 metros) permite a iluminación mediante ventás nos muros da nave principal.

Seis piares cruciformes sostén as bóvedas de cruzaría. No exterior destacan as súas fachadas. A principal, orientada ao oeste, e unha das xoias platerescas da arquitectura galega. Presenta unha ampla escalinata e a súa estrutura está composta de tres corpos abundantemente decorados e unha torre encostada á nave do evanxeo, obra dos mestres Cornelis de Holanda e Juan Noble.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/01/2024