A Xunta advirte ao Ministerio sobre a parálise da FP ante os retrasos na posta en marcha da nova normativa estatal que regula estas ensinanzas

A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, lembra nunha reunión en Madrid, as alegacións presentadas por Galicia ao texto ministerial

Ante este contexto de incerteza a nivel estatal, o Goberno galego vén de iniciar os trámites para a elaboración do futuro decreto que regulará a FP na nosa comunidade
 

Santiago de Compostela, 16 de xaneiro de 2024

A Xunta de Galicia vén de advertir ao Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes da parálise que se pode producir nas ensinanzas de FP ante os retrasos do Goberno do Estado na entrada en vigor da nova lei e o real decreto as regula, tal e como expuxo hoxe a directora xeral de FP, Eugenia Pérez, no marco dun encontro de traballo mantido en Madrid. Co fin de atallar este contexto de incertidume e ofrecer certezas ao sistema educativo galego, a Administración autonómica inicia xa os trámites do futuro decreto que rexerá a partir do vindeiro curso 2024-25.

A representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades lamentou que o Ministerio “estea a incumprir todos os tempos que nos deu”, o que na práctica xera “preocupación e caos” tanto na Administración Autonómica como nos centros que imparten Formación Profesional á hora da organización destas ensinanzas “dunha forma precipitada” para o vindeiro curso 2024-25. Proba dilo é que, a modo de exemplo, seguindo o calendario de aplicación da nova Lei de FP, o pasado 1 de setembro de 2023 debería disporse xa do catálogo modular profesional, do catálogo de ofertas, estar operativo o rexistro estatal de FP e de competencias profesionais, entre outros.  

Eugenia Pérez cuestionou que, pese ao ofrecemento de colaboración institucional desde o primeiro momento e ás achegas formuladas por Galicia “desde a experiencia dos nosos bos resultados”, o Ministerio “siga adiante con propostas sen consensuar e con grandes contradicións a nivel técnico e aspectos moi complicados de levar a cabo na práctica”. De feito, a Xunta elevou a Madrid un conxunto de alegacións a máis de 20 preceptos do articulado do real decreto.

Novidades estatais nas que Galicia xa é pioneira

Se ben é certo que a normativa estatal introduce cuestións nas que Galicia xa é pioneira desde hai anos na FP como as ensinanzas plurilingües, as dobres titulacións, a modalidade dual en colaboración coas empresas, as accións formativas para desempregados ou a oferta modular entre outros, iso non exclúe que a Administración Autonómica deba desenvolver un marco propio claro, obxectivo e realista en liña coas directrices estatais.

Marco estable galego ante as incertidumes estatais

Así pois, ante as demoras continuas por parte do Ministerio e a falta de concrecións sobre moitos aspectos técnicos da normativa estatal, a Consellería de Educación vén de iniciar os trámites para a elaboración do futuro decreto que regulará a ordenación e a organización da Formación Profesional en Galicia, a través da cal se dará solución ao caos organizativo que propón o real decreto estatal.

Nesta liña, a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades vén de abrir o procedemento deste novo decreto coa súa posta a exposición pública ata o vindeiro 30 de xaneiro para que os interesados realicen as achegas que consideren oportunas. O obxectivo deste procedemento é que o sistema educativo galego conte cun marco estable que permita a Galicia seguir mellorando o modelo de éxito da FP galega, ofrecendo certezas, medios e servizos de calidade ao alumnado, ao profesorado e aos centros educativos.

Data de actualización: 16/01/2024