O presidente da Xunta asiste ao acto de toma de posesión do novo reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao
Rueda destaca o importante papel das universidades galegas para garantir o progreso social e configurar a “Galicia do presente e do futuro”
Compromete “colaboración leal” do Goberno galego coas tres institucións académicas públicas en beneficio do “proxecto común” que é Galicia
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe o “importante papel” que xogan as tres universidades públicas galegas para garantir o progreso social e configurar a “Galicia do presente e do futuro”. Así o puxo en valor durante o acto da toma de posesión do novo reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao, no que asegurou que os galegos poden estar “moi orgullosos” do traballo “en rede” e “en beneficio do conxunto” da comunidade que desenvolven as tres institucións académicas.
Durante a súa intervención, Rueda salientou que as universidades son o motor que fai “avanzar e progresar” unha sociedade, á vez que lle atribuíu ser un “dos principais marcadores” que permiten valorar o nivel do seu sistema educativo, “que é tanto como dicir a calidade dun país”, enxalzou. Neste senso, destacou como as tres universidades públicas galegas están a garantir a “igualdade de oportunidades, progreso e benestar social” na comunidade.
Colaboración leal coas universidades para o proxecto común de Galicia
En canto ao novo reitor coruñés, o presidente apuntou que entre os retos que deberá afrontar está o de seguir consolidando á UDC como un referente e “epicentro” no eido das tecnoloxías -da man da Cidade das TIC ou da sede da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA)-; seguir reforzando a especialización industrial a través do “pioneiro” campus de Ferrol; avanzar na internacionalización; e impulsar a investigación.