Pontevedra conta con máis dunha trintena de establecementos nos que as familias poden gastar os 120 euros do Bono Deporte

O delegado territorial visitou hoxe varios locais para coñecer os resultados da campaña

Na provincia de Pontevedra son máis de 300 os establecementos adheridos

O Bono Deporte pode ser descargado por todas as familias con nenos de entre 6 e 16 anos que estean federados ou que participen no programa Xogade

Toda a información sobre os establecementos adheridos e proceso de solicitude pódese atopar na web www.bonodeporte.gal
 

Pontevedra, 16 de xaneiro de 2024

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá varios establecementos adheridos ao Bono Deporte no Concello de Pontevedra.

Alí conversou cos responsables dos comercios quen lle transmitiron os resultados que se están a obter grazas a esta iniciativa. Actualmente hai máis de 103.000 bonos descargados e do importe total que supoñen, 5.1 millóns corresponden co gasto xa realizado.

Cabe destacar que no concello de Pontevedra ata 36 establecementos deportivos están adheridos a esta campaña e o total de comercios e entidades deportivas participantes en toda a provincia supera os 300. Reguera destacou na súa visita “a importancia de que as familias coñezan o funcionamento desta iniciativa e aproveiten unha axuda que está pensada para aliviar os gastos relacionados co deporte base”.

O delegado territorial lembrou que as familias aínda poden descargar os bonos para os nenos e nenas de 6 a 16 anos con licenza federada ou do Programa Xogade para descontar ata 120 euros en todo tipo de produtos relacionados coa actividade física. As solicitudes poderán realizarse ata o 29 de febreiro e os bonos descargados poderán empregarse en calquera momento desde a descarga ata o 1 de xullo.

Trátase dun sistema que funciona a través dunha aplicación móbil, de maneira que o importe de 120 euros de cada bono contará cun desconto do 80% en cada compra ou servizo adquirido e irase consumindo en función do valor da compra.

A listaxe con todos os establecementos adheridos está dispoñible na web bonodeporte.gal, na que tamén se recolle toda a información sobre o procedemento a seguir para poder realizar a descarga dos bonos. Así, o primeiro paso consiste en darse de alta nesa web e, unha vez recibido un SMS de validación, xa se poderá activar e descargar o bono en formato dixital a través dun código QR.

Cada beneficiario dispón como máximo dun único bono por menor que se poderá descontar amosando o código QR no momento do pago nos establecementos comerciais e entidades deportivas ou prestadoras de servizos adheridos á iniciativa que estarán identificados ademais cun distintivo da campaña. A entidade accederá á aplicación que, sobre o importe total, validará e calculará o prezo final co desconto. Deste xeito, a plataforma rexistra e desconta o bono e actualiza o wallet do cliente.

Cómpre lembrar que a cidadanía pode empregar tamén o enderezo electrónico bonodeporte@xunta.gal para trasladar as súas dúbidas e suxestións.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/01/2024