A Xunta recibe 6 ofertas para executar a nova glorieta no Val e a conexión co polígono de Río do Pozo, no concello de Narón

A actuación suporá un investimento de 935.000 euros e ten un prazo de execución de 12 meses

Mellorarase a mobilidade no Val substituíndo a actual intersección en cruz por unha rotonda de 32 metros de diámetro no cruce da AC-116 coa vía da deputación

Tamén se executará un novo viario de acceso directo ao polígono de Río do Pozo cunha glorieta de 42 metros de diámetro que unirá a AC-116 coa autovía Ferrol-Vilalba e evitará o paso do tráfico en Santa Margarida

A actuación promove a seguridade viaria e tamén facilitará a mobilidade cara ao polígono empresarial, que dá cabida a un centenar de empresas e funciona como motor económico, industrial e comercial de Ferrolterra
 

Santiago de Compostela, 16 de xaneiro de 2024

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de recibir 6 ofertas de empresas para executar as obras dunha nova glorieta no Val e dunha conexión co polígono empresarial de río do Pozo, no concello de Narón, que suporán un investimento de 935.000 euros.

As actuacións correspóndense coa construción dunha nova rotonda no Val, no cruce da AC-116 coa estrada da deputación, á altura do quilómetro 4+120; e tamén unha nova glorieta nesta vía autonómica para conectala co polígono de Río do Pozo, no quilómetro 3+360.

A intervención na estrada autonómica AC-116, permitirá ofrecer aos veciños de Narón, especialmente no Val, maior seguridade e comodidade nos seus desprazamentos, ademais de incidir na competitividade de toda esa zona, ao facilitar a mobilidade cara a esta grande área industrial que dá cabida a un centenar de empresas e funciona como un motor económico, industrial e comercial da comarca de Ferrolterra.

En concreto,  través do contrato licitado trátase de habilitar esas dúas novas glorietas.  A glorieta norte, na zona do Val, executarase sobre a plataforma existente, realizando ensanches onde sexa necesario e terá 32 metros de diámetro. Mediante esta intervención mellorarase a seguridade viaria nesta zona, substituíndo a actual intersección en cruz con carrís centrais de xiro á esquerda e cuñas de aceleración e desaceleración.

Con respecto á outra intervención, a glorieta sur e novo viario de acceso ao polígono, habilitarase unha rotonda máis grande, de 42 metros de diámetro. Esta glorieta conectará a estrada autonómica AC-116 coa autovía Ferrol-Vilalba a través do polígono. Esta nova conexión está prevista no Plan sectorial da rede viaria de Ferrol e área de influencia, e evitará o paso do tráfico pola vía provincial en Santa Margarida, beneficiando aos veciños.

Estas intervencións completaranse con traballos de drenaxe, coa disposición de tubaxes que permitan dar continuidade á rede actual e a disposición de pozos e sumidoiros para a recollida da auga de escorrenta da estrada.

A solución proxectada para estes dous puntos, coa execución desas 2 glorietas, é a máis acaída, tanto a nivel técnico, como da seguridade viaria e da funcionalidade da propia estrada.

As actuacións contan cun prazo de execución de 12 meses, e o obxectivo e comezalas na primavera.

O acto expropiatorio de levantamento de actas previas dos terreos necesarios para levar a cabo a intervención celebrouse o pasado mércores, día 10, e a formalización das actas de ocupación está fixado para o vindeiro día 25 de marzo no salón de plenos do Concello de Narón.

Data de actualización: 16/01/2024