A Xunta activa a alerta laranxa para mañá por temporal costeiro nas provincias da Coruña e Pontevedra

O fenómeno adverso estará activo desde a tarde por ventos do suroeste de ata forza 8 e mar combinada do suroeste con ondas de ata 6 metros
 

Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese

Santiago de Compostela, 16 de xaneiro de 2024

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia Primeira da Xunta acaba de activar a alerta laranxa para mañá mércores por temporal costeiro nos litorais das provincias da Coruña e de Pontevedra. 

Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), o fenómeno meteorolóxico adverso estará activo desde a tarde por vento do suroeste de forza 7 que pode chegar ocasionalmente a forza 8 no noroeste e oeste da Coruña. Haberá tamén mar combinada do suroeste con ondas de ata 6 metros.
 
Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.
 
A Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompentes e paseos marítimos. Tamén que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.  

Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/01/2024