A Xunta abre hoxe o prazo de solicitude das axudas para a promoción do emprego autónomo que inclúen a cota cero para as novas altas

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade destina case 29M€ a financiar os primeiros gastos da actividade dos traballadores por conta propia
 

Prevense apoios máximos de case 8.000 euros para as persoas desempregadas que inicien unha actividade como autónomas
 

As axudas incrementaranse no caso de que a iniciativa parta de mozos, parados de longa duración, mulleres ou galegos retornados, entre outros colectivos
 

Santiago de Compostela, 16 de xaneiro de 2024

A Xunta de Galicia abre hoxe o prazo de solicitude das axudas á promoción do emprego autónomo publicadas no Diario Oficial de Galicia o pasado 9 de xaneiro. Dotadas con 28,9 millóns de euros, inclúese unha partida de 9,6 millóns de euros para financiar ao 100% a cota reducida dos novos autónomos durante os 12 primeiros meses de actividade.

Poden ser beneficiarias das achegas as persoas que cursen alta no réxime especial de autónomos ou en calquera outro por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional entre o 30 de setembro de 2023 e o 29 de setembro de 2024.

As axudas estrutúranse en dúas liñas: unha primeira, para impulsar o inicio da actividade e o mantemento de emprego dos autónomos, e a segunda, coa que se garante a cota cero durante doce meses de actividade.

Para optaren á primeira das liñas, as persoas beneficiarias deben estar inscritas como demandantes de emprego nos servizos públicos, carecendo de ocupación efectiva na data de inicio da actividade. Deberán contar con domicilio fiscal en Galicia e non ter altas rexistradas como autónomos nos tres anos anteriores.   

As contías deste apartado van dos 2.000 euros básicos ata os 4.000 no caso de que se trate de menores de 30 anos, parados de longa duración, con discapacidade ou en situación de dependencia, en exclusión social, emigrantes retornados e estranxeiros ou maiores de 52 anos. Haberá un incremento extra do 15% se a autónoma é muller ou o centro de traballo está no rural, entre outros supostos.

Para acceder á liña que garante a financiación íntegra da cota durante os doce primeiros meses, os autónomos deberán ser beneficiarios da cota reducida no momento de presentación da solicitude. A contía neste caso ascende a 960 euros, o equivalente ao pagamento do importe mensual reducido multiplicado polos 12 primeiros meses de alta.

As achegas máximas previstas, ao se tratar de dúas liñas compatibles, rozarán, por tanto, os 8.000 euros para persoas desempregadas que inicien a súa actividade profesional en Galicia como traballadoras autónomas.

O prazo de solicitude ábrese hoxe e estará vixente ata o 30 de setembro de 2024.

Con esta medida, a Administración autonómica segue a impulsar o traballo por conta propia, por representar un papel clave na economía galega como xeradora de riqueza e de emprego.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/01/2024