O conselleiro do Medio Rural transmitiu o malestar do Goberno galego por esta cuestión, na súa intervención por vía telemática na Conferencia sectorial de Agricultura

A Xunta lamenta que o Goberno central manteña o veto á rebaixa do IVE á carne e ao peixe mentres si contempla o do aceite: “É unha medida completamente discriminatoria”

Ademais, a Xunta demanda ao Goberno central que respecte os compromisos adquiridos cos regantes no que atinxe ao financiamento do regadío da Limia

José González reiterou a demanda dunha estratexia conxunta entre o Ministerio e as autonomías fronte á expansión da Enfermidade Hemorráxica Epizoótica e trasladou a súa preocupación pola inacción do departamento que dirixe Luis Planas

Lembrou que Galicia foi das primeiras autonomías en anunciar que indemnizará as mortes de vacas por mor desta doenza e que a Xunta publicou xa a correspondente orde no DOG, que terá efectos retroactivos, para compensar esas perdas de animais

Avanzou que o Consello Agrario activará este mes o grupo de traballo para anticipar as consecuencias das novas enfermidades animais e vexetais que afectan ao sector primario galego
 

Santiago de Compostela, 15 de xaneiro de 2024

O conselleiro do Medio Rural, José González, transmitiu esta tarde o malestar da Xunta pola recente decisión do Goberno central de rebaixar o IVE do aceite, excluíndo desta medida, unha vez máis, a carne e o peixe. González considera esta medida “completamente discriminatoria” e reclama ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) que reconsidere a súa postura ao respecto.

Así o trasladou o titular de Medio Rural na súa intervención por vía telemática na Conferencia sectorial de Agricultura, presidida polo ministro Luis Planas. A maiores, José González aseverou que desde Galicia lévase moito tempo esixindo a inclusión da carne e do peixe na prórroga temporal da rebaixa deste imposto aos alimentos básicos. E tamén que a Xunta leva meses preguntando cales poderían ser os razóns do Goberno central para manter este veto, tan prexudicial -recalcou o conselleiro- para o sector primario, cuestionando cal pode ser o criterio empregado polo Goberno para rebaixar o IVE do aceite ao 0% e non o da carne e o peixe.

Ao tempo, o conselleiro amosou a súa estrañeza polas explicacións dadas polo ministro cando foi interpelado por este asunto, afirmando que -o peixe, en concreto- “máis que un problema fiscal ou de prezo ten un problema de cultura de consumo”. Porén, José González denunciou de novo que existen estudos das universidades, recomendacións de expertos, o criterio da Unión Europea ou o exemplo de países como Portugal sobre o impacto positivo da baixada do IVE, especialmente no fomento do consumo destes produtos.

O titular de Medio Rural advertiu ademais que a medida é claramente prexudicial para dous grupos de alimentos detrás dos que están uns sectores económicos de enorme importancia e peso en Galicia, como son o gandeiro e o do mar.

Regadío da Limia

Por outra banda, no marco desta reunión, a Xunta esixiu ao Goberno central que cumpra os seus compromisos cos regantes da Limia e que non lles xere un sobrecusto para afrontar o financiamento do proxecto de regadío nesa comarca ourensá. Nesta liña, o conselleiro lembrou que o compromiso inicial do Goberno -coñecido pola Xunta a través dos medios de comunicación- foi o de aportar o 80 %, quedando o 20 % restante para ser asumido polos regantes. Porén, os cálculos feitos pola Xunta indican que a achega dos regantes sería manifestamente maior ao establecido nun primeiro momento por parte do Executivo.

Por tal motivo, o conselleiro reclamou ao ministro Planas que se respecte a porcentaxe inicialmente comprometida, para non prexudicar os regantes. Nesta mesma liña, José González recordou que o Goberno galego si cumpriu á hora de apoiar este colectivo. Así, lembrou, a Xunta liderou a colaboración institucional nesta materia, asumindo de forma integral a financiación de pozos e bombas, cun investimento por parte do goberno autonómico de 6,5 millóns de euros.

Enfermidade Hemorráxica Epizoótica

Noutra orde de cousas, o conselleiro reiterou tamén a demanda da Xunta dunha estratexia conxunta entre o Goberno central e as comunidades autónomas para facer fronte á expansión da Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE) e insistiu en trasladar a preocupación de Galicia diante da inacción do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación nesta materia.

Ademais, o conselleiro afirmou que, dentro desa necesaria estratexia conxunta, é absolutamente prioritario desenvolver unha vacina que permita frear a EHE e loitar pola súa homologación en Europa, e que isto o debe liderar o Executivo central. A maiores, para que este traballo teña éxito, definiu como fundamental o apoio do Goberno central e da UE, estimulando a investigación e garantindo os fondos necesarios.

En contraposición á falta de iniciativa do Goberno central neste asunto, José González puxo en valor o traballo realizado pola Xunta para combater a EHE, ao igual que na loita contra a lingua azul. Así, lembrou que dende a re-circulación da enfermidade en España en 2023 e antes de que chegara a Galicia, o persoal veterinario da Consellería do Medio Rural mantivo permanentemente informado da súa evolución ao sector gandeiro galego, establecendo un diálogo constante con todos os actores implicados.

Nesta liña, o conselleiro avanzou que o Consello Agrario activará este mesmo mes un grupo de traballo para anticipar as consecuencias das novas enfermidades animais e vexetais que afectan ao sector primario galego. Entre outras liñas de traballo, incorporarase unha aplicación informática para que os gandeiros poidan informar, dun xeito aínda máis áxil, de calquera incidencia nas súas explotacións, co obxectivo último de contar cun sistema de alertas temperás para formar e informar aos produtores do rural galego de posibles riscos derivados do cambio climático.

O conselleiro reiterou que Galicia é unha referencia na sanidade gandeira en toda España e explicou que, unha vez confirmada a presenza da EHE en Galicia, a mediados de setembro de 2023, Medio Rural estableceu un sólido protocolo de actuación ante a sospeita da enfermidade, ademais de trasladar recomendacións preventivas ás feiras e explotacións non afectadas.

González subliñou que Galicia foi unha das primeiras comunidades autónomas en anunciar que indemnizará as mortes de vacas por mor desta doenza. Estas indemnizacións outorgaranse con carácter retroactivo dende setembro de 2023, para cubrir todas as mortes que se poidan constatar causadas por esta doenza.

Precisamente, o pasado mércores, día 10 de xaneiro, o Diario Oficial de Galicia publicou a orde correspondente, que regula a concesión de indemnizacións polo sacrificio obrigatorio de animais en execución de programas e actuacións oficiais de vixilancia, control e erradicación das súas enfermidades, entre elas a EHE.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/01/2024