A Xunta e o Concello de Portas acordan colaborar para potenciar a Escola Municipal de Música

O Goberno galego contribuirá cos gastos derivados de reformar o edificio para acoller estas novas instalacións, que se estiman nun total de 560.000€
 

O obxectivo é dar resposta á demanda de formación musical tanto para afeccionados como para a preparación de probas para estudos superiores

Portas (Pontevedra), 15 de xaneiro de 2024

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, visitou hoxe o concello pontevedrés de Portas, onde asinou un convenio de colaboración co alcalde, Ricardo Martínez, para potenciar a Escola Municipal da localidade e contribuír á diversificación da formación non regrada.

O obxectivo deste acordo é dar resposta á demanda de formación musical que existe neste concello, tanto para afeccionados como para os interesados en preparar probas de acceso a estudos superiores. Neste senso, o conselleiro salientou que o labor que se fai desde estes centros é tamén clave para potenciar e poñer en valor a tradición, a cultura popular e o patrimonio de Galicia.

Para iso, o Goberno galego colaborará cos gastos derivados de reformar o edificio para acoller estas novas instalacións. Trátase dun proxecto que, tal e como figura no convenio asinado, conta cun orzamento base de licitación de máis de 560.000€, dos cales a Xunta asumirá un máximo do 50% do custo de execución das actuacións.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/01/2024