A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e o presidente da Autoridade Portuaria da Coruña, Martín Fernández Prado, participaron hoxe unha xuntanza da comisión de seguimento do convenio para impulsar esta iniciativa

A Xunta e a Autoridade Portuaria da Coruña abordan a adxudicación do proxecto para construír a estrutura flotante destinada á náutica e ao deporte no Parrote

A Autoridade Portuaria formalizou a adxudicación da redacción do proxecto, coa previsión de entregarllo á Xunta en maio para licitar os traballos e rematalos no verán de 2025

A proposta adxudicada, que se corresponde coa empresa Aquática e ten un orzamento de 2,8M€, foi seleccionada tras a realización dun concurso de ideas e a análise dun comité de expertos

Esta actuación materializarase no marco do convenio asinado entre a Xunta e a Autoridade Portuaria, que recolle un investimento de 3,1M€ para a execución na zona de baño do Parrote dunha plataforma para facilitar os deportes náuticos e acuáticos

Trátase dunha estrutura flotante, cunha piscina de ocio delimitada e outra de natación aberta ao mar e unha plataforma para a práctica deportiva, ademais de zonas de descanso

O proxecto tamén inclúe un edificio de servizos con vestiarios, cafetería ou almacén para material deportivo, así como unhas gradas con espazo de solarium
 

A Coruña, 15 de xaneiro de 2024

A Xunta e a Autoridade Portuaria da Coruña abordaron hoxe a adxudicación do proxecto para a construción dunha estrutura flotante destinada á náutica e ao deporte no Parrote.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e o presidente da Autoridade Portuaria da Coruña, Martín Fernández Prado, participaron hoxe nunha xuntanza da comisión de seguimento do convenio asinado para impulsar a construción desta infraestrutura.

A Autoridade Portuaria da Coruña vén de formalizar a adxudicación da redacción do proxecto, que debe desenvolverse no prazo de 3 meses, coa previsión de poder entregarllo á Xunta en maio para licitar os traballos e avanzar ata poñer en servizo a estrutura no verán de 2025.

Esta intervención enmárcase nun convenio de colaboración entre a Xunta e a Autoridade Portuaria co fin de acadar a recuperación da fachada marítima da Coruña mediante a posta á disposición dos cidadáns de novos espazos e servizos de desfrute público.

No marco deste acordo, a Autoridade Portuaria lanzou un concurso de ideas, estando rematado o traballo do comité de expertos e tendo seleccionada a proposta para a creación desa estrutura flotante no Parrote destinada á náutica e aos deportes acuáticos, de forma inclusiva.

Esta proposta seleccionada, que se corresponde coa empresa Aquática, ten un orzamento de 2,8M€, o cal encaixa no investimento previsto no convenio de colaboración asinado.

Cómpre lembrar que o convenio establece o investimento de 3,1 M€ para a execución na zona de baño do Parrote dunha plataforma para facilitar os deportes náuticos e acuáticos, tales como o pádel surf ou o piragüismo.

Os Orzamentos da Xunta para este ano recollen unha partida de 1,45 M€, o que garante que existe respaldo presupostario para poder licitar e iniciar as obras, unha vez que o proxecto estea redactado e entregado á Axencia Galega de Infraestruturas.

No que se refire ás características técnicas das instalación, será unha estrutura flotante, cunha piscina de ocio delimitada e outra de natación aberta ao mar e unha plataforma para a práctica deportiva, ademais de zonas de descanso.

O proxecto tamén inclúe un edificio de servizos con vestiarios, cafetería ou almacén para material deportivo, así como unhas gradas con espazo de solarium.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/01/2024