Comesaña pon en valor o traballo da Cruz Vermella de Lugo no tratamento dos trastornos adictivos
A Xunta de Galicia colabora anualmente con esta asociación para o desenvolvemento de programas de asistencia a pacientes con trastornos vencellados a substancias e trastornos adictivos
Lugo, 15 de xaneiro de 2024
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña; visitou esta mañá a unidade asistencial de drogodependencias da Cruz Vermella de Lugo, un acto no que puxo en valor o traballo e a colaboración desta asociación no tratamento dos trastornos adictivos na área sanitaria lucense.
O Servizo Galego de Saúde e a Asociación Cruz Vermella de Lugo desenvolven anualmente programas de asistencia a pacientes con trastornos relacionados con substancias e trastornos adictivos. Así, Comesaña cualificou como “peza fundamental” o traballo que desempeñan os profesionais desta asociación.
Mediante esta colaboración, achégase unha atención integral aos problemas de saúde derivados do uso de drogas, e desenvólvense programas de asistencia sanitaria especializada desde un enfoque biopsicosocial a aquelas persoas que posúen trastornos deste tipo. Unhas actividades que atenden á planificación, criterios, guías e procedementos establecidos polo Servizo Galego de Saúde en dispositivos como a unidade asistencial de drogodependencias ou a unidade de día.
Durante a visita, o conselleiro de Sanidade estivo acompañado pola xefa territorial de Sanidade, Begoña Seco.
Unidade Asistencia de Drogodependencias en Lugo
A Cruz Vermella Española en Lugo iniciou en 1990 a atención ás persoas con problemas de adiccións, xestionando a Unidade Asistencial de Drogodependentes integrada na rede asistencial da Xunta de Galicia. Así, é o recurso de referencia do sistema de atención a persoas con adiccións da zona centro da provincia de Lugo.
A intervención de carácter biopsicosocial co individuo e a súa contorna máis próxima busca dar resposta á necesidade de atención especializada a persoas con problemas de adiccións, unhas actuación que se concreta en acadar o coidado e mellora da saúde das persoas con adiccións; lograr procesos de cambio persoal que posibiliten o abandono da conduta adictiva; reducir a conflitividade familiar, social, laboral, xurídica; que favoreza a inclusión e, en atender, de forma prioritaria, aos sectores máis vulnerables: pacientes cronificados, persoas en situación de exclusión social, mulleres en situación de risco, menores de idade, etc.
A atención neste centro desenvolvea un equipo multidisciplinar motivado e con experiencia no manexo dos problemas de saúde mental relacionados coas adiccións, que dá unha cobertura médica, psicolóxica e social, integral e de calidade. Neste senso, atende as persoas con adiccións a sustancias (tabaco, alcol, drogas), adicción comportamentais (ludopatía, adiccións as novas tecnoloxías), ou trastornos na conduta alimenticia (anorexia, bulimia), así como aos familiares destes pacientes como parte da intervención nos tratamentos.