Galicia é a comunidade autónoma que máis mellorou o seu nivel de estudos nos últimos 20 anos

Román Rodríguez felicita á comunidade educativa por este “éxito de país”, segundo constata un informe que vén de publicar o Ministerio de Educación

O documento cifra en 28 puntos a redución da porcentaxe de poboación con estudos ata a segunda etapa de ESO, que pasa do 63,2% no ano 2002 ao 35,3% en 2022

O conselleiro de Educación fixo esta valoración nunha visita ao CIFP As Mercedes, de Lugo, para coñecer un monopraza de Fórmula 3 preparado polo alumnado

Lugo, 13 de xaneiro de 2024

Galicia é a comunidade autónoma que máis mellorou o seu nivel de estudos nos últimos 20 anos, segundo constata un informe que vén de publicar o  Ministerio de Educación, no que se sinala a porcentaxe de poboación con estudos ata a segunda etapa de ESO reduciuse en case 28 puntos en dúas décadas.  

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, asegura que estes datos son froito dun traballo cooperativo e continuo de todos os membros da comunidade educativa, aos que felicitou por este “éxito de país”, tal e como expresou esta mañá nunha visita ao Centro Integrado de FP As Mercedes, de Lugo, onde estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta na provincia, Javier Arias.  

Román Rodríguez destaca que Galicia non só é a comunidade que logrou reducir máis a porcentaxe de poboación con menos estudos, “senón que, ademais, logra invertir a tendencia con respecto ao conxunto de España”. Así pois, en 2022 a porcentaxe de persoas con menos estudos reduciuse ata o 35,3% da poboación fronte ao 63,2% nesta situación que había en 2002. Isto fai que hoxe Galicia estea tamén mellor situada con respecto á medida estatal (que está no 35,8%) mentres que en 2002 estaba moi por enriba da media estatal do 57,8%.

Ciclo de alta especialización

Así mesmo aproveitou para lembrar o forte impulso que está a vivir a Formación Profesional, “unhas ensinanzas cada vez máis demandadas, tecnificadas, prestixiadas, e que son sinónimo de emprego e de futuro tal como avalan os datos de inserción laboral que se coñeceron onte mesmo no informe anual”, lembrou.  

A este respecto puxo como exemplo o Centro Integrado de FP CIFP As Mercedes de Lugo, onde puido coñecer de primeira o traballo realizado polos alumnos do ciclo dual de alta especialización en vehículos de competición, que veñen de preparar un monopraza Fórmula 3 co obxectivo de poñelo a proba nunha exhibición do Campionato Galego de Montaña en colaboración coa Federación Galega de Automobilismo.  

Román Rodríguez felicitou aos estudantes deste novidoso ciclo, que se imparte por primeira vez neste centro, coa colaboración de nove empresas especializadas do ámbito da competición automobilística, e animounos a seguir aplicándose na adquisición de coñecementos e na alta cualificación de cara ao seu futuro.

O titular de Educación atendeu a explicación dos estudantes no proceso de preparación deste vehículo, un modelo Dallara F3 no que tiveron oportunidade de aplicar os seus coñecementos didácticos nun proceso de desmontaxe do mesmo, posta a punto, adaptación mecánica e tecnolóxica de sistemas, reparación de motor, sistemas de frada e pintado e vinilado de carrozaría. Así pois, os alumnos desenvolveron un proxecto completo partindo dun vehículo baleiro ata convertelo nun coche de competición que será probado en dúas probas de montaña.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/01/2024