Os gandeiros interesados en facer uso do servizo de matadoiro móbil da Xunta poderán solicitalo a partir de mañá chamando ao teléfono 982 251 201

Tendo en conta as súas demandas, organizaranse as rutas do matadoiro, procurando sempre optimizar este recurso

O servizo estará plenamente operativo a partir do vindeiro venres, día 19 de xaneiro, tras completar a etapa de formación do persoal e de axustes técnicos e levar a cabo as primeiras probas en explotacións
 

Santiago de Compostela, 14 de xaneiro de 2024

A partir de mañá luns, día 15 de xaneiro, os gandeiros interesados en facer uso do matadoiro móbil da Xunta poderán solicitalo a través do teléfono 982 251 201. Este servizo está orientado ao sacrificio de gando ovino, cabrún e porcino naquelas explotacións gandeiras de pequeno tamaño de zonas afastadas de grandes núcleos de poboación e situadas a distancia dos matadoiros convencionais.

Unha vez se vaian recollendo as demandas dos gandeiros, organizaranse as rutas do matadoiro, procurando sempre optimizar este recurso, que ten como principal obxectivo mellorar a xestión e a rendibilidade das devanditas explotacións, ao reducir os custos de transporte do gando e mellorar, ao tempo, a calidade da carne e o benestar animal.

 

De acordo co cronograma de traballo, o matadoiro estará plenamente operativo a partir do vindeiro venres, día 19 de xaneiro, tras completar a etapa de formación do persoal e de axustes técnicos e despois de levar a cabo as primeiras probas en explotacións -que se están a desenvolver estes días-, todo isto necesario para a súa posta en marcha.

Os prezos para optar a este servizo oscilan entre os 10 euros para animais ovinos e cabrúns menores dun ano (contabilizando só o sacrificio e a preparación do canal) ata os 50 euros para os porcos, no caso de incluír tamén o almacenamento e transporte a punto de distribución.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/01/2024