Segue aberto o prazo para solicitar as axudas para os investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios, dotadas cun total de 30 millóns de euros

Esta orde da Consellería do Medio Rural busca incentivar os investimentos en activos fixos materiais para a creación, ampliación e modernización das instalacións situadas en Galicia e destinadas a tal fin

O prazo de presentación de solicitudes rematará o día 5 de febreiro, mentres que o de solicitar préstamos garantidos finalizará o 29 de marzo deste ano

Santiago de Compostela, 13 de xaneiro de 2024

Os interesados nas axudas para investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios teñen de prazo para solicitalas ata o vindeiro día 5 de febreiro. Estas achegas contan cun orzamento total de 30 millóns de euros, cofinanciado co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

Ademais, existe un prazo para solicitar préstamos garantidos, que finalizará o 29 de marzo deste ano. Porén, os solicitantes terán un prazo de tres meses para presentar a preceptiva licenza de obras no caso de que o investimento inclúa a construción de novas superficies cubertas ou a ampliación das existentes.

Así, a orde busca incentivar os investimentos en activos fixos materiais para a creación, ampliación e modernización das instalacións situadas en Galicia destinadas á transformación e comercialización de produtos agrarios. No caso das subvencións, consistirán en axudas para a execución deses proxectos, mentres as garantías para préstamos consistirán en garantías do 80 % do risco inherente a cada empréstito formalizado destinado a financiar os investimentos.

Posibles beneficiarios

Poden optar a estas achegas os empresarios individuais ou sociedades que realicen actuacións como a construción, adquisición e mellora de bens inmobles, así como a compra de terreos ata un valor inferior ao 10% do total dos gastos subvencionables. Tamén se sufragará a compra de maquinaria e equipamentos novos, a adquisición de programas informáticos e de patentes ou licenzas relacionadas cos procesos produtivos.

Do mesmo xeito que en pasadas convocatorias, concederáselle a máxima puntuación no apartado de beneficio a produtores dos criterios de valoración ás cooperativas agrarias galegas ou ás sociedades participadas maioritariamente (máis do 50%) por cooperativas agrarias galegas ou por asociacións e organizacións de produtores da nosa comunidade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/01/2024