O presidente da Xunta interveu no acto de clausura do V Encontro da Mocidade Gandeira
Rueda destaca o papel da mocidade á hora de avanzar na modernización das explotacións gandeiras e manter a calidade dos produtos galegos
Salienta a importancia de garantir a remuda xeracional no agro e que mozos e mozas aposten por emprender e desenvolver o seu proxecto vital no rural
Resalta que o agro galego conta con “produtos de primeira calidade” que cómpre seguir promovendo
Galicia é a principal produtora de leite de España e a terceira comunidade en produción de carne de vacún
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe o papel da mocidade galega á hora de avanzar na modernización das explotacións gandeiras, manter a excelencia dos produtos do agro galego e garantir a remuda xeracional neste eido. “Sodes a garantía de que imos poder seguir modernizando Galicia, de que hai recambio”, indicou aos gandeiros presentes durante a clausura do V Encontro da Mocidade Gandeira, na que estivo acompañado polo conselleiro do Medio rural, José González.
A gandaría é un dos principais motores da economía no rural galego e orixe, tal e como subliñou Rueda, de moitos dos produtos que levan o selo Galicia calidade por todo o mundo. Galicia é a principal produtora de leite de España -está entre as dez primeiras de toda Europa- e a terceira comunidade na produción de carne de vacún. Nesta liña, o presidente salientou que o agro galego ofrece “produtos de primeira calidade” que cómpre seguir mantendo no futuro.
Durante a xornada, organizada polo Clube de Xóvenes Gandeiros e que se retoma tras a pandemia, o presidente agradeceu á mocidade a súa aposta por emprender en Galicia e desenvolver o seu proxecto de vida no rural. “Hai cousas que mellorar, pero tamén moito do que sentirnos orgulloso, de cousas que se levan facendo ben desde hai moitos anos”, indicou.