Trenor informa da convocatoria das axudas a concellos e entidades protectoras para o coidado de animais domésticos abandonados

Este programa conta cun orzamento de 450.000 euros entre ambas liñas e o prazo para presentar as solicitudes estará aberto ata o 13 de setembro

Oza dos Ríos (A Coruña), 12 de xaneiro de 2024

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e o alcalde de Oza-Cesuras, José Pablo González, visitaron o centro canino de Montegato para informar da convocatoria hoxe no DOG dunha orde de axudas dirixida a concellos e doutra para entidades protectoras para a atención e o coidado de animais domésticos abandonados que conta cunha partida orzamentaria de 450.000 euros. O prazo para presentar as solicitudes estará aberto ata o 13 de setembro.

Entre os gastos subvencionables para as entidades municipais inclúense aqueles relacionados coa esterilización cirúrxica, a identificación mediante microchip e a inscrición no Rexistro galego de identificación de animais de compañía (Regiac), así como outras cuestións como alimentos, vacinación ou desparasitación. No caso de protectoras, a maiores deste tipo de gastos, tamén son subvencionables a adquisición de material non funxible como remolques para vehículos, software específico e dispositivos electrónicos.

Durante unha visita reiterou a solicitude de que os orzamentos do Estado para este ano inclúan partidas específicas para que tanto as comunidades autónomas como especialmente os concellos poidan facer fronte ás novas obrigas que teñen que asumir coa nova Lei de protección dos dereitos e o benestar dos animais.

Cómpre salientar, por exemplo, que a norma estatal recolle que as entidades locais deberán garantir gardas de 24 horas para poder cumprir coa recollida, tratamento e atención permanente dos animais que se abandonen nos seus termos municipais, ademais de xestionar as colonias felinas, encargándose da esterilización dos gatos que formen parte delas.

 

Data de actualización: 12/01/2024