A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, xunto coa delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, mantiveron esta mañá en Santiago unha reunión cos veciños das vivendas próximas aos leitos destes ríos

A Xunta remítelle ao concello de Neda o resultado do estudo dos ríos Basteiro e Belelle e as solucións propostas para minimizar os riscos das inundacións na súa contorna

Augas de Galicia pon á disposición da entidade local os estudos elaborados e as propostas na mellora da xestión dos episodios de asolagamento na contorna destes ríos, cuxos resultados foron abordados co Concello o pasado 18 de decembro

Trátase de facilitar a modelización da infraestrutura que propón o Concello en base ao modelo e simulacións realizadas por Augas de Galicia, cuxos traballos apuntan á conveniencia da ampliación da ponte de Pename, de titularidade municipal

Nos próximos días Augas de Galicia contactará co Concello para confirmar o seu acordo coas propostas enviadas á entidade local co fin de proceder a redactar os pregos para poder licitar os proxectos
 

Santiago de Compostela, 12 de xaneiro de 2023

A Xunta vén de remitirlle ao Concello de Neda os resultados dos estudos realizados sobre os ríos Basteiro e Belelle e as solucións propostas para minimizar os riscos de inundacións na súa contorna.

Así o trasladaron a directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, e a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, na reunión de traballo que mantiveron esta mañá en Santiago cos veciños das vivendas próximas aos leitos destes ríos.

Augas de Galicia atende deste xeito á solicitude trasladada pola entidade local, proporcionándolle os estudos elaborados e as propostas na mellora da xestión dos episodios de asolagamento na contorna destes ríos, onde existe unha maior incidencia de risco de inundacións, tras o encontro do pasado 18 de decembro entre Augas de Galicia e o Concello para abordar as actuacións necesarias na contorna destes ríos.

Trátase de que o Concello de Neda poida modelizar a infraestrutura que propoñen co modelo do río e simulacións realizadas por Augas de Galicia, e en base a cuxos traballos se apunta á conveniencia da ampliación da ponte de Pename, de titularidade municipal, para conseguir a redistribución axeitada dos caudais dos ríos.

Deste xeito, seguindo a liña de colaboración aberta co Concello de Neda, Augas de Galicia pon á disposición da entidade local as ferramentas dixitais de estudo da situación actual dos ríos Belelle e Basteiro, así como as simulacións realizadas, co fin de avaliar o efecto que a modificación dalgunha das condicións ou obstáculos existentes nos ríos, puidesen ter na súa contorna.

Ademais, trasládase o informe presentado na citada reunión, coas conclusións correspondentes ás análises realizadas pola entidade hidráulica da Xunta nas áreas de risco da demarcación Galicia-Costa, cos modelos de inundacións elaborados por Augas de Galicia na bacía de competencia autonómica.

Cómpre lembrar que o estudo realizado por Augas de Galicia confirmou que a problemática existente na zona dos ríos Basteiro e Belelle provoca na súa contorna episodios periódicos de asolagamento cando as precipitacións son moi intensas, como aconteceu o pasado 14 de novembro, xerando problemas para xestionar as augas que circulan polos ríos, tanto polo Basteiros como polo Belelle, que acaban afectando aos veciños e ás vivendas situadas próximas aos leitos nunha zona naturalmente inundable.

A este respecto, a Xunta propuxo ao Concello traballar na autoprotección das vivendas situadas a carón destes ríos para que os asentamentos na zona inundable non sigan crecendo, e na adaptación do Plan Xeral de Ordenación Municipal á realidade existente.

Tamén incidiu na importancia de disposición por parte do Concello dun plan de actuación municipal fronte a inundacións, co obxectivo de acadar a máxima protección para as persoas, os bens e o medio que poidan resultar afectados a consecuencia dos asolagamentos.

Augas de Galicia trasladoulle tamén a necesidade do mantemento das infraestruturas existentes, como as pontes e as obras de paso, que deben ter un axeitado estado de conservación e mantemento para minimizar a súa afección ao paso da auga.

A este respecto, tal e como recolle o informe trasladado hoxe ao Concello, concretáronse tamén medidas de protección, enfocadas fundamentalmente a acadar unha mellor distribución dos caudais entre o río Basteiro e o Belelle cando as precipitacións son elevadas, dun xeito máis acorde ao que sería un funcionamento natural.

Reunión cos veciños

No encontro desta mañá cos veciños, a directora de Augas de Galicia presentoulles a modelización realizada do río Belelle e do río Besteiro e as alternativas estudadas para minimizar as inundacións en eventos de elevadas precipitacións extraordinarias. No caso concreto da súa zona, explicóuselle aos veciños as conclusións da análise e as actuacións que se deben levar acabo para abordar a solución, que terá que ser consensuada e acordada co Concello.

Desde Augas de Galicia manifestouse a vontade da Xunta de axilizar as actuacións propostas, tendo en conta os prazos e os procedementos administrativos que se teñen que cumprir para levalas a cabo. Deste xeito, nos vindeiros días Augas de Galicia porase en contacto co Concello para confirmar o seu acordo coas propostas enviadas á entidade local, xunto co estudo de alternativas, co fin de proceder a redactar os pregos para poder licitar os proxectos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/01/2024