O secretario xeral técnico da Consellería e a directora xeral de Ordenación e Innovación reúnense coa directora xeral de Avaliación e Cooperación Territorial do Ministerio

A Xunta pon á disposición do Goberno do Estado toda a súa experiencia de boas prácticas no uso do móbil nos centros educativos

A Consellería de Educación agradece que o Ministerio recoñeza o valor do modelo galego e se interese por el para implementar agora a nivel estatal esta medida

Galicia foi pioneira en 2015 en regular o uso destes dispositivos nas aulas, cuxa limitación se estende xa á totalidade da xornada escolar
 

Santiago de Compostela, 14 de xaneiro de 2024

A Xunta de Galicia vén poñer á disposición do Goberno do Estado a súa experiencia de boas prácticas no uso dos teléfonos móbiles nos centros escolares da Comunidade Autónoma, cuxa regulación se acaba de actualizar a través dun protocolo específico.

Así se acordou durante unha xuntanza de traballo mantida esta semana entre a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades e o Ministerio de Educación, FP e Deportes. Nela participaron, por parte de Galicia, o secretario xeral técnico da Consellería, Manuel Vila, e a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, que se reuniron coa directora xeral de Avaliación e Cooperación Territorial do Ministerio, Mónica Domínguez, no marco dos encontros bilaterais entre o Goberno do Estado e as comunidades autónomas para abordar este asunto.

Os representantes da Consellería ofreceron ao Ministerio o coñecemento de Galicia nesta materia ante o interese do Goberno central por implementar no conxunto do Estado unha medida da que Galicia ten ampla experiencia, xa que foi unha das pioneiras a nivel estatal coa regulación do uso dos móbiles nas aulas no ano 2015 a través da Estratexia Galega de Convivencia, e agradeceron que así se recoñeza e o interese amosado por esta iniciativa que está funcionando con éxito nos centros de ensino.

Convivencia saudable nos centros

De feito, na reunión, o Ministerio interesouse especialmente polos traballos previos desenvolvidos pola Xunta, con reunións cos distintos membros da comunidade escolar, nun proceso de diálogo aberto de cara a acadar o máximo consenso co obxectivo de ofrecer certezas aos estudantes e ás familias, darlle seguridade aos equipos directivos e aos docentes e, sobre todo, impulsar a interacción e a convivencia saudable nos centros.

Cómpre lembrar que, neste comezo do ano, Galicia vén de ampliar á totalidade da xornada escolar a limitación do uso de teléfonos e dispositivos electrónicos que xa estaba vixente no interior das aulas desde 2015 en todos os centros sostidos con fondos públicos. Así pois, agora tampouco se permite o emprego libre destes dispositivos nos períodos non lectivos, que son as entradas e saídas, o tempo de recreo, o comedor escolar e os períodos dedicados a actividades complementarias e extraescolares.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/01/2024