A Constitución e o dereito, a debate na Escola Galega de Administración Pública

A Escola Galega de Administración Pública acolleu esta mañá un foro de debate sobre a Constitución e o Dereito no actual contexto sociopolítico

Santiago de Compostela, 12 de xaneiro de 2024

Esta mañá tivo lugar na Escola Galega de Administración Pública un foro de debate centrado no papel da Constitución e do Dereito no actual escenario social e político, no que participou a directora do organismo, Sonia Rodríguez-Campos.

Durante a presentación da actividade, a directora da Escola resaltou a importancia do texto constitucional ao supoñer o alicerce fundamental sobre o cal se construíu a democracia en España nas últimas décadas.

Por outra banda, falou da importancia, nun marco de transformación política e social como o actual, de establecer canles de diálogo que permitan realizar reflexións que contribúan a superar os desafíos contemporáneos e a construír unha sociedade máis xusta e equitativa.

Neste sentido, subliñou o papel da Escola como foro de debate para tratar, a través de expertos, aqueles temas de actualidade incidentes na sociedade e nas administracións co fin de analizalos en profundidade e darlles visibilidade ante a cidadanía.

O foro de debate A Constitución e o Dereito no actual contexto sociopolítico contou coa participación de Tomás Ramón Fernández Rodríguez, catedrático emérito de Dereito Administrativo da Universidade Complutense de Madrid, e de Roberto Blanco Valdés, catedrático de Dereito Constitucional da Universidade de Santiago de Compostela.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/01/2024