A Xunta abre o próximo 16 de xaneiro o prazo de solicitude para as axudas de promoción do emprego autónomo para 2024

A delegada territorial en Ferrol, Martina Aneiros, participou nun encontro coa Asociación de Jóvenes Empresarios (AJE) Ferrolterra onde expuxo os apoios da Administración autonómica para impulsar o traballo por conta propia
 

A nova convocatoria, publicada esta semana no DOG, recolle unha liña para impulsar o inicio de actividade e o mantemento do emprego dos autónomos e outra coa que se garante a cota cero durante 12 meses de actividade, ambas compatibles entre si
 

Ferrol, 12 de xaneiro de 2024

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, mantivo esta mañá unha reunión coa nova presidenta e secretario da Asociación Jóvenes Empresarios (AJE) Ferrolterra, Yadira Tenreiro e Raúl Lomba, respectivamente, cos que abordou os apoios da Xunta en materia de promoción do emprego autónomo e que inclúen a cota cero para novas altas.

Tal e como informou a delegada territorial durante o encontro, esta convocatoria publicada esta semana no DOG recolle dúas liñas de apoio compatibles entre si: unha para impulsar o inicio de actividade e o mantemento do emprego dos autónomos e outra que garante a financiación íntegra da cota durante os 12 primeiros meses de actividade.

A primeira liña establece como requisito que as persoas beneficiarias estean inscritas como demandantes de emprego nos servizos públicos, carecendo de ocupación efectiva na data do inicio da actividade que debe ser anterior á presentación da solicitude, con domicilio fiscal en Galicia e non poden ter rexistrado altas como autónomos nos tres anos anteriores.

Nese caso, a contía dos apoios vai dos 2.000 euros básicos para persoas desempregadas ata os 4.000 euros que poden chegar a percibir as persoas desempregadas que teñan determinados perfís como menores de 30 anos, parados de longa duración, persoas con discapacidade, dependencia, en exclusión social, emigrantes retornados e estranxeiros ou maiores de 52 anos. Haberá un incremento extra do 15% se a persoa autónoma é muller ou se o centro de traballo está no rural, entre outros supostos.

Para acceder á liña dous da convocatoria que garante a financiación íntegra da cota durante os 12 primeiros meses de actividade da persoa autónoma, os solicitantes deberán ser beneficiarios da cota reducida no momento da presentación da solicitude. A contía da axuda neste caso ascende a 960 euros, importe equivalente á cota reducida multiplicada polos 12 primeiros meses de alta.

Segundo explicou a delegada territorial, estas axudas da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade poderán solicitarse a partir do próximo 16 de xaneiro e o prazo estará vixente ata o 30 de setembro de 2024.

O orzamento global destes apoios cos que a Administración autonómica segue a impulsar o traballo por contra propia, ascende a 28,9 M€ (19,3 para a financiar a primeira liña e outros 9,6 para a segunda). O investimento está cofinanciado polo fondo Social Europeo Plus: Programa FSE+ Galicia2021-2027.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/01/2024