A Xunta elimina un punto de vertido de augas residuais industriais no concello de Arzúa

Os técnicos do Programa de Control de Vertidos, xunto coa Gardería Fluvial de Augas de Galicia, detectaron esta achega irregular nunha inspección rutineira de control

Os inspectores confirmaron que a orixe do vertido estaba nunha empresa cunha acometida errónea das canalizacións das augas cara á condución de augas pluviais

Augas de Galicia requiriulle aos responsables da instalación a adopción das medidas correctoras oportunas

Os técnicos da Xunta verificaron recentemente, mediante a realización de analíticas, o cese da contaminación

Santiago de Compostela, 14 de xaneiro 2024

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, eliminou un vertido de augas residuais industriais no concello de Arzúa. 

A achega irregular foi localizada no marco das inspeccións rutineiras levadas a cabo polos técnicos do Programa de Control de Vertidos, xunto coa Gardería Fluvial de Augas de Galicia. 

Os inspectores constataron un punto de vertido de orixe industrial cara ao dominio público, como consecuencia dunha acometida errónea das canalizacións das ditas augas cara á condución de augas pluviais.  

Augas de Galicia instou ao titular das instalacións a levar a cabo as accións necesarias para emendar a situación.

Nunha nova inspección á zona, os técnicos comprobaron a través dunha analítica a eliminación do punto de vertido, logo de levar a cabo os responsables da instalación o selado da acometida errónea, emendando por completo as achegas contaminantes cara á rede pluvial.

Data de actualización: 14/01/2024