A Xunta publica a orde de axudas para a creación e mellora de infraestruturas municipais cunha dotación de 3,5 M€

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe unha nova convocatoria desta liña, a través da que se impulsa a posta en marcha ou a reforma de instalacións e equipamentos vinculados á prestación dos servizos municipais

As axudas van dirixidas a concellos de menos de 30.000 habitantes e poden cubrir ata o 80% do orzamento total da actuación
 

Santiago de Compostela, 12 de xaneiro de 2024

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe unha nova convocatoria da Orde de infraestruturas de uso público, dotada con 3,5 millóns de euros e destinada á creación e/ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais en concellos de menos de 30.000 habitantes.

A convocatoria inclúe actuacións nas redes de alumeado público; a pavimentación de camiños públicos municipais; a construción, ampliación ou cubrición de parques infantís ou a construción de novos parques infantís cubertos; e a creación ou rehabilitación de edificios ou dependencias municipais destinadas á prestación de servizos municipais. A axuda pode cubrir ata o 80% do orzamento total da actuación.

A través desta convocatoria preténdese garantir o equilibrio no territorio galego entre o medio rural e o urbano, o interior e a costa, a prol do desenvolvemento económico do territorio e que a poboación galega teña unhas óptimas condicións de vida con independencia do seu lugar de residencia. Con este fin, estas axudas serven de fomento da prestación de servizos polos concellos, a administración máis próxima á cidadanía.

Ademais, coa mellora nas áreas rurais de infraestruturas básicas e a implantación dos servizos municipais máis demandados pola poboación destes municipios contribúese a atraer actividades que poidan xerar emprego e fixar poboación nas áreas rurais.

Os concellos que, de forma individual ou mediante asociacións ou agrupacións de concellos, desexen acollerse á orde deberán presentar as solicitudes por medios electrónicos desde o formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta https://sede.xunta.gal.

Visita institucional a Teo

Na xornada de hoxe, o vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado da directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, e do delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, realizou unha visita institucional a Teo para coñecer as necesidades do concello e comprobar o resultado de distintas actuacións enmarcadas no apoio ao eido local e ao deporte.

Ademais da Casa do Concello, o percorrido pola localidade incluíu instalacións deportivas como o pavillón dos Tilos, no que se instalou unha nova cuberta para evitar os danos de filtracións e humidades, e o campo de fútbol de Calo, tamén mellorado.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/01/2024