A Xunta presenta a plataforma Sanidade Mediaverso coa que fomentará os hábitos de vida saudables entre a poboación galega

Esta nova ferramenta tecnolóxica contén recursos dixitais, aplicacións, xogos e programas de realidade virtual e aumentada, nos que se achegan solucións para acadar un estado de saúde óptimo

Inserida no Plan Obesidade Zero de Galicia, a plataforma estruturase ao redor de catro grandes eixos: a alimentación saudable, a actividade física, o coidado do benestar emocional e a prevención de condutas adictivas

O conselleiro de Sanidade destacou a “abordaxe integral” que ofrece a plataforma ao achegar contidos que inciden no coidado da saúde, tanto no ámbito físico como no mental
 

Santiago de Compostela, 12 de xaneiro de 2024

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, participou esta mañá na Cidade da Cultura na presentación da nova plataforma tecnolóxica Sanidade Mediaverso, coa que Xunta de Galicia promoverá os estilos de vida saudables entre a poboación galega.

A nova plataforma, que se insire dentro do Plan Obesidade Zero, estrutúrase ao redor de catro grandes eixos que teñen por obxectivo contribuír ao mantemento dunha boa saúde entre os galegos e galegas. En concreto, a alimentación saudable, a realización de actividade física, o coidado do benestar emocional e a prevención de condutas adictivas.

Deste xeito, Sanidade Mediaverso contén recursos dixitais, audiovisuais, aplicacións, xogos e programas de realidade aumentada e virtual, nos que se achegan solucións para acadar un estado de saúde óptimo, e cuxas destinatarias son persoas de todas as idades.

Na compaña da directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán; o titular da carteira sanitaria da Xunta destacou o “carácter integral” da plataforma ao abordar o coidado da saúde desde diferentes perspectivas, que inciden no tanto no ámbito do benestar físico, como no do emocional”.

Pola súa banda, a subdirectora xeral de Programas de fomento de estilos de vida saudables, Silvia Suárez Luque; e o subdirector xeral de Sistemas e tecnoloxías da información da Consellería de Sanidade, Benigno Rosón; abordaron polo miúdo as características e posibilidades que ofrece Sanidade Mediaverso. Así, explicaron que a nova plataforma porá a disposición dos usuarios un planificador de comidas con menús equilibrados para oito semanas, e no que tamén se achegará a lista da compra necesaria, e as receitas para elaborar cadanseu menú.

Así mesmo, e co obxectivo de acadar unha boa condición física e reducir o sedentarismo, a plataforma contará coas aplicacións móbiles activAR-t e Camiña; vídeos con exercicios para realizar de xeito individual ou coa familia; a aplicación de realidade virtual EnMovemento, ademais de cursos formativos e consellos sobre a práctica do exercicio físico.

O terceiro dos piares nos que se sustenta a plataforma Sanidade Mediaverso é obenestar emocional, a saúde mental e o coidado do sono. Para elo, achegará diversos cursos con técnicas destinadas á redución do estres, pílulas audiovisuais de mindfulness ou recursos para levar a cabo unha xestión emocional axeitada.

Por último, e co ánimo de reforzar a prevención sobre o consumo de substancias aditivas ou o tabaquismo, a nova plataforma tecnolóxica da Xunta incluirá unidades didácticas para evitar o inicio do seu consumo, e tamén para axudar ao cesamento destes hábitos nocivos para a saúde.

Desenvolta pola UTE BiGXoia, Sanidade Mediaverso é un proxecto promovido pola Consellería de Sanidade, e financiado integramente con fondos europeos no marco do eixo REACT-UE do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020.

O acceso á nova plataforma da Xunta para a promoción dos estilos de vida saudables, pódese realizar desde a web Xanela aberta á familia, e ao través da seguinte ligazón:

Achéganse, ademais, dúas ligazóns da presentación de Sanidade Mediaverso, nos seus apartados de exercicio físico (realidade virtual) e prevención de condutas adictivas:

EnMovemento:
Nas túas mans:
Data de actualización: 12/01/2024