A Xunta e os consellos reguladores das denominacións de orixe de viño de Galicia avalían as axudas para o fomento de seguros agrarios neste sector

O conselleiro do Medio Rural e outros responsables do seu departamento reuníronse con representantes das entidades vitivinícolas para analizar estas achegas

Hoxe precisamente o Diario Oficial de Galicia publica a convocatoria para 2024 das axudas da Xunta para fomentar a contratación de seguros agrarios
 

Santiago de Compostela, 12 de xaneiro de 2024

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, e polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, reuniuse hoxe en San Caetano con responsables de consellos reguladores dos viños galegos con denominación de orixe. Na xuntanza tamén participaron técnicos da Consellería do Medio Rural.  

O motivo do encontro foi o de avaliar as axudas para o fomento da contratación de seguros agrarios -cuxa convocatoria publica hoxe, precisamente, o Diario Oficial de Galicia- referidas especificamente ao sector vitivinícola. Así, por parte dos representantes da Consellería lembrouse que este eido produtivo é especialmente sensible aos fenómenos meteorolóxicos adversos e que por iso ten un tratamento especial neste tipo de achegas.

Desta forma, mentres que no resto de liñas de seguro de explotacións agrícolas a porcentaxe de subvención, por parte da Xunta, é do 22 %, no caso da uva de vinificación das denominacións de orixe pode chegar ata o 50 %. Así, sumando as achegas do Estado e da Xunta, é moi factible que nestas pólizas se chegue a financiar o 75 % do importe total, que é o máximo establecido pola lexislación comunitaria.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/01/2024