A Xunta pon en valor a colaboración coa Fundación Juan XXII para a mellora da empregabilidade das persoas con discapacidade

O secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Pablo Fernández, visitou hoxe a fundación para coñecer o seu labor

Ademais do seu Centro Especial de Emprego que leva activo 35 anos, vén de concedérselles un novo Programa Integrado de Emprego para promover a inserción dun cento de persoas no mercado ordinario de traballo
 

Pontevedra, 12 de xaneiro de 2024

O secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Pablo Fernández, acompañado do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou hoxe a Fundación Juan XXIII co gallo de coñecer o seu labor en colaboración coa Xunta a prol da empregabilidade das persoas con discapacidade. En concreto, o Goberno galego apoia a entidade na consolidación do seu Centro Especial de Emprego (CEE) -activo desde 1988- e a través de Programas Integrados de Emprego (PIE) que se veñen renovando nos últimos anos, entre outras achegas.

Na visita, púxose en valor que -desde que se constituíu a fundación en 2008- o proxecto foi crecendo de xeito sostido, incorporando novos programas para dar servizo ao maior número posible de demandantes de emprego con discapacidade. Nesa liña, actualmente traballan na fundación 70 profesionais, dos que o 80% son persoas con discapacidade que traballan no Centro Especial de Emprego, que está especializado en xardinaría, viveirismo e conservación do monte.

Deste xeito, o secretario xeral e o delegado coñeceron os progresos no marco deste CEE, que busca empregar ás persoas con máis necesidades de apoio e que recibiu axudas da Xunta para o seu mantemento, para a creación ou ampliación do seu cadro de persoal, para a súa unidade de apoio á actividade profesional ou para un programa de formación dual para persoas con discapacidade intelectual.

Así mesmo, tamén lles trasladaron os detalles do Programa Integrado de Emprego a través do que seguirán promovendo a inserción laboral no mercado ordinario de traballo de persoas que presentan menos necesidades de apoio, en concreto, dun cento de persoas en virtude da última achega concedida en 2023.  

Os representantes autonómicos amosáronse satisfeitos co labor levado a cabo pola Fundación Juan XXIII e reafirmaron o compromiso da Xunta con iniciativas coma esta, tamén a través doutras achegas das que se veu beneficiando a entidade, como as subvencións para a contratación de persoas desempregadas polas entidades sen ánimo de lucro ou para contratar mozos co obxectivo de que realicen servizos de interese xeral e social.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/01/2024