A Xunta convoca o curso selectivo para máis dun cento de aspirantes a policías locais

Desenvólvese en réxime de internado na Academia Galega de Seguridade Pública e inclúe prácticas nos respectivos concellos
 

O obxectivo é proporcionar a competencia e capacidade necesarias para o desempeño da actividade profesional

Santiago de Compostela, 13 de xaneiro de 2024

A Xunta convocou o curso selectivo para o acceso á categoría de policía, na escala básica dos corpos de policía local, correspondente á decimo sexta promoción. Tal e como recolle o Diario Oficial de Galicia, a acción formativa desenvolverase na Academia Galega de Seguridade pública (Agasp) do 1 de febreiro ao 11 de outubro coa participación de máis dun cento de aspirantes. Inclúe ademais un período de prácticas de xuño a setembro nos concellos de procedencia do alumnado. 

O obxectivo é dotar os axentes dunha formación teórico-práctica de carácter inicial, específica para as funcións propias dos corpos de policía local, e facilitarlles a competencia e capacidade necesarias para o desempeño da súa actividade profesional. 

Así, nas sesións, que se impartirán mañá e tarde en réxime de internado, abordaranse os módulos xurídico, operativo, asistencial, técnico, social-humanístico e de formación física, así como de policía de tráfico, administrativa, e xudicial e de investigación. A duración do curso é de 1.400 horas lectivas, 900 delas na Agasp e 500 de prácticas nos respectivos concellos.  

A iniciativa diríxese ás persoas que superaron os procesos selectivos da categoría de policía nos diferentes concellos de Galicia para que, unha vez realizado, sexan nomeadas persoal funcionario en prácticas. As solicitudes de inscrición deben ser remitidas polas administracións locais a través dun escrito á Agasp para a reserva das correspondentes prazas.

Dos máis dun cento de aspirantes previstos, 89 proceden dos concellos adheridos á convocatoria unificada. A meirande parte son da Coruña, con 30 aspirantes, mentres que as cidades de Vigo e Lugo contan con nove aspirantes cada unha delas, Padrón con catro e Carballo con tres. Os 34 restantes distribúense entre Ames, Baiona, Bergondo, Betanzos, Caldas de Reis, Cuntis, Gondomar, Marín, Muxía, Narón, Noia, Ponteareas, Porto do Son, Redondela, Sanxenxo, Tomiño, Tui e Vilanova de Arousa, con unha ou dúas prazas.
 
A maiores incorporarase alumnado dos concellos das Pontes de García Rodríguez, Culleredo, Oleiros, Sarria, Monforte de Lemos. Trátase de localidades que non están adheridas á convocatoria unificada pero que teñen os procesos selectivos en marcha e xa reservaron praza no curso.  

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/01/2024