O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades participa na presentación do informe anual sobre a empregabilidade do alumnado galego que cursa estas ensinanzas

Román Rodríguez celebra que a inserción laboral da FP galega volve medrar dando oportunidades á mocidade en xeral e ás mulleres en particular

A FP en xeral acada un máximo histórico de inserción do 85,4% mentres que no caso da modalidade dual sube ata o 97% de titulados empregados

O titular de Educación destaca a empregabilidade nos maiores de 30 anos, cunha suba de máis de dous puntos no curso 2019-20 con respecto ao anterior 2018-19

Todas as familias profesionais superan o 75% de inserción e 19 ciclos formativos que se ofertan na nosa Comunidade acadan o pleno emprego
 

Santiago de Compostela, 12 de xaneiro de 2024

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, celebra que a inserción laboral dos titulados de FP en Galicia volva medrar este ano “dando así oportunidades de futuro e de calidade á mocidade en xeral e ás mulleres en particular”. Así o sinalou esta mañá durante a presentación dos resultados do Informe anual de inserción laboral do alumnado de FP, que nesta ocasión analiza a situación dos estudantes que remataron os seus estudos no curso 2019-20 en Galicia, elaborado con entrevistas realizadas en 2023.

No acto, que tivo lugar no Centro Integrado de FP CIFP Compostela, en Santiago, o titular de Educación do Goberno galego subliñou a “consolidación á alza” desta dinámica que se vén rexistrando nos últimos anos “ata acadar máximos históricos”, o que blinda estas ensinanzas que hoxe estudan en Galicia case 65.000 alumnos “como unha garantía para os nosos mozos e mozas que lles abre as portas a un futuro profesional e persoal de calidade”. “E todo isto -especificou- nun contexto condicionado pola pandemia, xa que os datos correspóndense aos titulados no 2019-20, o curso da covid-19”.

Segundo os datos estatísticos que forman parte deste informe periódico, o 85,4% dos titulados de FP estaban traballando no período 2019-20, o que significa un crecemento do 0,8% con respecto ao último estudo publicado ata o momento relativo ao período 2017-18. No caso da FP Dual -onde os estudantes combinan formación académica con formación práctica nas empresas dos respectivos sectores-, a porcentaxe de empregabilidade acada o 97% (un 0,2% por riba do período anterior).

Retención do talento

Atendendo á análise de datos por estratos demográficos, Román Rodríguez valorou especialmente a mellora da inserción laboral no caso das mulleres e dos titulados de 30 ou máis anos de idade. Así, o maior crecemento de inserción laboral rexístrase no grupo de maiores de 30 anos, que medra case tres puntos ata o 87,7% fronte ao 85,6% do último estudo. Tamén no caso do emprego feminino, onde a porcentaxe de tituladas empregadas rexistra unha suba do 1,9% ao pasar do 82,2% ao 84,1% no curso 2019-20.

Outro dos aspectos máis relevantes é “a constatación de permanencia do talento en Galicia, co 93,7% dos titulados traballando no noso territorio”, sinalou o conselleiro, quen resaltou a importancia da FP “para fixar poboación”. Neste senso, cómpre lembrar a posta en marcha do Plan Conecta FP, cun proceso de escoita a todos os sectores do tecido produtivo galego para deseñar unha nova oferta formativa axeitada ás necesidades e ás demandas socioeconómicas e a un contexto profesional real.

Atendendo á análise por ámbitos formativos, as 23 familias profesionais que se ofertan en Galicia superan o 75% de inserción. No grupo de cabeza sitúanse as familias Seguridade e medio ambiente (acada o 100%), instalación e mantemento (97,3%), Actividades físicas e deportivas (93,6), Fabricación mecánica (91%), e Transporte e mantemento de vehículos (90,9%). Por ciclos formativos, dentro de cada unha das familias, 43 acadan unha inserción superior ao 90%, e deles, 19, acadan o 100%.

Emprendemento e satisfacción

Destaca tamén o incremento do número de titulados emprendedores (que pasan do 3,4% do anterior estudo ao 4,9% actual, e que se concentran, sobre todo, nas familias profesionais Agraria, Artes Gráficas e Imaxe persoal. Nos tres casos superan o 20% as persoas tituladas que a curto ou medio prazo desenvolven o autoemprego de forma activa ou pretenden traballar pola súa conta. O estudo reflicte, así mesmo, un aumento no nivel de satisfacción coa formación recibida, do 86,7% fronte ao 85% anterior.

O conselleiro de Educación aproveitou o acto para felicitar a todos os integrantes do sistema educativo por estes resultados tan favorables, que son “froito dun esforzo compartido entre alumnos e profesores”, e tamén subliñou a importancia da participación das empresas, ás que animou a que se sigan sumando a este “reto de pais” co que a día de hoxe están colaborando de forma activa máis de 800 firmas.  

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/01/2024