Trenor informa de que Bono Deporte de 120 euros xa está activo e conta con 43 establecementos e entidades adheridas na comarca do Barbanza

O Bono axudará ás familias a sufragar o 80 % das compras de material e equipamento ou a asistencia a clases de actividades deportivas e poderá utilizarse ata o 1 de xullo de 2024

Porto do Son (A Coruña), 11 de xaneiro de 2024

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou o establecemento Tres Sesenta Deportes en Porto do Son para informar de que as familias xa poden descargar desde o pasado luns, 8 de xaneiro, o Bono Deporte de 120 euros ao que poderán acceder todas as que teñan fillos, de entre 6 e 16 anos, que estean federados ou inscritos no programa escolar de fomento da actividades deportivas Xogade. Na visita informou que na comarca do Barbanza están adheridos 43 establecementos e entidades. Ademais, confirmou que a data de onte ás 14.00 horas xa estaban descargados 87.000 bonos en toda Galicia.

A listaxe definitiva está dispoñible na web bonodeporte.gal, onde tamén se inclúe información sobre o procedemento e desde onde se poden descargar os bonos, que se emiten en formato dixital a través cun código QR. A cidadanía pode empregar ademais o enderezo electrónico bonodeporte@xunta.gal para trasladar as súas dúbidas e suxestións.

Deste xeito, avanza o cumprimento dos tempos previstos no lanzamento do Bono Deporte. O período para descargar os bonos abrangue ata o 29 de febreiro. Unha vez descargado o bono, a contía queda reservada e pode usarse en calquera momento ata o 1 de xullo. 

O sistema funciona a través dunha aplicación móbil, de maneira que o importe de 120 euros de cada bono contará cun desconto do 80% en cada compra ou servizo adquirido. O importe irase reducindo en función do valor da compra realizada (IVE incluído).

Cada beneficiario disporá como máximo dun único bono por menor de 6 a 16 anos con licenza federada ou do programa Xogade que se poderá descontar nos establecementos adheridos á iniciativa.

As persoas beneficiarias que descarguen o bono terán que amosar o seu código QR no momento do pago e a entidade adherida ao programa accederá á aplicación que, sobre o importe total, validará e calculará o prezo final co desconto. Así, a plataforma rexistra e desconta o bono e actualiza o Wallet do cliente.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/01/2024