A Xunta convoca axudas de compensacións complementarias por lucro cesante e á reposición de gando

As achegas contan cun orzamento de 125.000 euros e están destinadas ás explotacións de gando bovino, ovino e cabrún nas que por orde da autoridade competente se levou a cabo o sacrificio de animais

Teñen por obxecto compensar as importantes perdas ocasionadas como consecuencia do sacrificio obrigatorio dos seus animais, no marco dos programas sanitarios nacionais de erradicación de enfermidades que son de obrigatorio cumprimento
 

Santiago de Compostela, 11 de xaneiro de 2023

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde mediante a cal se destinan 125.000 euros para axudas de compensación complementarias por lucro cesante e á reposición de gando. As destinatarias destas achegas son as explotacións de gando bovino, ovino e cabrún, rexistradas en Galicia, nas que por orde da autoridade competente se levou a cabo o sacrificio obrigatorio ou destrución de animais, en execución de programas ou actuacións sanitarias de vixilancia, loita, control ou erradicación das súas enfermidades; como a tuberculose, a brucelose ou a lingua azul, entre outras.

As axudas complementarias por lucro cesante están destinadas a compensar o período de inactividade das explotacións nas que se determina o seu baleiro sanitario (sacrificio de todo o gando), subvencionándose, en base ás marxes brutas medias das diferentes actividades produtivas, tanto o período de corentena (dende o sacrificio ata que a Consellería do Medio Rural autoriza a incorporación de novos animais), como os tres meses posteriores, no caso de que o gandeiro non repoña nese tempo o gando.

As axudas á reposición están destinadas á compra de animais para repoñer aqueles que se sacrificaran por resolución da Consellería, en aplicación dos programas oficiais.

Posibles beneficiarios

Poderán verse beneficiadas por estas axudas todas aquelas persoas (físicas e xurídicas) e as entidades que sexan titulares das explotacións afectadas. Neste sentido, teñen por obxecto compensar as importantes perdas ocasionadas como consecuencia do sacrificio obrigatorio dos seus animais, principalmente no marco dos programas sanitarios nacionais de erradicación de enfermidades que son de obrigatorio cumprimento. Estas axudas veñen a complementar ás indemnizacións polo sacrificio obrigatorio de animais, de tal xeito que se asegure a viabilidade das explotacións nas que se presentan estas doenzas.

A intensidade das axudas é do 100% dos custos subvencionables e teñen un claro efecto incentivador por permitir o desenvolvemento económico das explotacións bovinas, ovinas e cabrúas afectadas por enfermidades. O prazo de presentación de solicitudes será, dende o día seguinte da publicación desta orde no DOG, ata o día 29 de novembro de 2024, estando polo tanto aberto durante todo o ano.

Ligazón á orde no DOG:
Data de actualización: 11/01/2024