O presidente visitou o IES Illa San Simón, en Redondela
Rueda destaca aos estudantes galegos como os mellores embaixadores da comunidade no estranxeiro
Eloxia o labor do centro IES Illa San Simón e o do seus estudantes premiados nacional e internacionalmente
Salienta os bos resultados en educación que o último informe PISA outorga a Galicia
Valora os datos aprobados na Oferta de Emprego Público de este ano
Redondela (Pontevedra), 10 de xaneiro de 2024
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe aos estudantes galegos como os mellores embaixadores que pode ter a comunidade no estranxeiro.
Así o salientou na visita ao IES Illa San Simón, en Redondela. Tres alumnos do centro obtiveron a medalla de bronce na Olimpíada Internacional Xuvenil de Ciencias celebrada en decembro en Bangkok (Tailandia). Trátase dunha competición global sobre as materias de matemáticas, bioloxía, xeoloxía, física e química, na que participaron estudantes de 54 países dos cinco continentes. Antes, saíran gañadores da fase nacional.
Os alumnos galardoados son Carla Acosta, David Lago e Rubén Lago, acompañados pola súa profesora de bioloxía, Tania Martínez. Eran os integrantes do equipo coñecido como Os Raios. O presidente da Xunta dirixiuse aos estudantes para felicitarlles polo gran éxito logrado, destacándolles como exemplo de que todo se pode alcanzar con tesón e compromiso.
Na súa intervención, Alfonso Rueda salientou os moi bos resultados alcanzados no último Informe PISA. Segundo os datos que se reflicten, os estudantes galegos son líderes en ciencias e en equidade a nivel nacional.
Ademais, o titular do Goberno galego valorou os datos aprobados na Oferta de Emprego Público deste ano, segundo os cales a comunidade sumará este ano 1743 prazas. Para Alfonso Rueda, isto evidencia que Galicia ten a sorte de que moita xente queira ser docente, e así asegura o presente e o futuro do sistema educativo.