A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e a alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, formalizaron hoxe o acto administrativo de rúbrica deste acordo

A Xunta e o concello de Ponteareas colaboran achegando preto de 1,7 M€ para iniciar a extensión do saneamento a toda a parroquia de Ribadetea

O convenio establece o compromiso da Xunta de contratar, executar e financiar as obras nun 80%, con máis de 1,3 M€, mentres que o Concello achegará o 20% restante

Construirase unha rede de saneamento nos núcleos da Freixa, O Souto e O Eido e a conexión coa rede de Ribadetea, que conduce as súas augas residuais ata a estación de bombeo para dirixilas á depuradora da Moscadeira

Tamén se executarán dúas estacións de bombeo novas en Mourade e A Freixa e renovarase a que xa existe
― As obras sentan as bases para dotar dun saneamento eficaz a máis de 1.000 habitantes, eliminado risco de contaminación na contorna do río Tea, Zona de Especial Conservación e Rede Natura 2000

O obxectivo é iniciar os traballos no segundo semestre do ano, cun prazo de execución de 6 meses
 

Ponteareas (Pontevedra), 10 de xaneiro de 2024

A Xunta e o Concello de Ponteareas colaboran achegando preto de 1,7 millóns de euros para iniciar a extensión do saneamento a toda a parroquia de Ribadetea.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e a alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, formalizaron hoxe o acto administrativo de sinatura do convenio de colaboración, para acometer e incorporar ao patrimonio público municipal a rede de saneamento que se executará, concretamente, nos núcleos da Freixa, O Souto e O Eido. No acto tamén participou o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera.

Tal e como recolle o acordo selado no Salón de Plenos da Casa do Concello, a Xunta, a través de Augas de Galicia, cofinanciará as intervencións cunha achega do 80% do custo, poñendo 1,3 millóns de euros. Ademais, Augas de Galicia será a encargada de levar a cabo a contratación e execución das obras, e a súa dirección e xestión ata a súa finalización.

O Concello de Ponteareas, pola súa parte, contribuirá ao financiamento do 20% restante, achegando case 334.000 euros.

 

As actuacións serán cofinanciadas pola Unión Europea a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), no marco do Plan Estratéxico da Política Común de España 2023-2027 (PEPAC) en Galicia.

A Administración local comprométese, ademais, a someter o proxecto a información pública, mediante publicación no Boletín Oficial da Provincia, por un período non inferior a 20 días. Tamén deberá aprobar en Pleno o proxecto, poñer á disposición de Augas de Galicia os terreos necesarios e obter os permisos pertinentes para a realización das obras previstas neste convenio. Ao remate das actuacións, o Concello recibirá as obras e como titular das mesmas, asumirá a súa posta en servizo, explotación e mantemento.

Tras o acto administrativo de hoxe, continuarase cos trámites correspondes, coa consecución da documentación municipal preceptiva para a licitación das obras. O obxectivo é poder iniciar os traballos no segundo semestre do ano, cun prazo de execución de 6 meses.

Cómpre sinalar que para que o sistema de depuración actual poida ampliar a súa capacidade de tratamento e recibir as augas residuais da parroquia de Ribadetea é necesaria a construción da nova depuradora municipal e a mellora do sistema de saneamento. Unha intervención na que tamén colabora a Xunta e o Concello e que impulsa Acuaes, por ser unha actuación declarada de interese xeral do Estado.

Ethel Vázquez explicou que a intervención obxecto do convenio asinado hoxe permitirá dotar a futuro do servizo de saneamento a toda a parroquia de Ribadetea, tendo en conta que a urbanización da Freixa xa dispón deste servizo, ademais de resolver os problemas actuais, ao eliminar os sistemas individuais de saneamento existentes que presentan carencias.

De xeito detallado, as obras recollidas neste acordo comprenden a execución dunha rede de saneamento nestes 3 núcleos da parroquia de Ribadetea -na Freixa, no Souto e no Eido- e a conexión coa rede existente na parroquia de Ribadetea, que conduce as augas residuais á estación de bombeo da Freixa para, posteriormente, dirixilas á depuradora da Moscadeira, situada na parroquia de Ponteareas.

Acometerase a construción de 2 estacións de bombeo novas, na Freixa e en Mourade, así como a renovación dos equipos de bombeo da estación de bombeo xa existente da Freixa, xunto coa correspondente rede por impulsión.

Para a execución das redes que funcionan por gravidade empregaranse tubaxes de PVC de diámetros de 250 e 315 mm. Serán, en total, 3.225 metros de rede, divididos en 3 treitos principais e os seus correspondentes ramais.

A conselleira concretou que as intervencións que se acometerán no marco da cooperación selada hoxe entre Xunta e Concello sentarán as bases para dotar dun servizo de saneamento eficiente e acorde ás súas necesidades a unha poboación de máis de 1.000 habitantes. Ademais de eliminar posibles problemas de contaminación nas proximidades do río Tea, unha zona catalogada como Zona de Especial Conservación e parte da Rede Natura 2000.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/01/2024