A directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático participou hoxe o pleno da Comisión interdepartamental para o seguimento da Axenda 2030

Galicia avanza a mellor ritmo que a media nacional no cumprimento dos obxectivos globais para acadar un desenvolvemento sustentable

Un informe de seguimento da Axenda 2030 mostra que a comunidade destaca de xeito especial en cuestións como auga limpa e saneamento, enerxía accesible e non contaminante ou vida dos ecosistemas terrestres

A autonomía tamén rexistra unha mellor evolución en asuntos como o fin da pobreza, saúde e benestar, igualdade de xénero ou a redución das desigualdades

Sagrario Pérez salienta que Galicia está no bo camiño neste eido e que debe referendar a súa aposta polo cumprimento dos obxectivos marcados para impulsar así o desenvolvemento socioeconómico da comunidade

Santiago de Compostela, 9 de xaneiro de 2024

Galicia mantén unha tendencia positiva no cumprimento dos obxectivos de desenvolvemento sustentable da Axenda 2030 cun mellor comportamento que a media nacional na maioría deles, tal como recolle un informe presentado hoxe na terceira sesión ordinaria do pleno da Comisión interdepartamental da Axenda 2030 en Galicia.

A directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez, asegurou na benvida a este encontro que a Xunta leva traballando desde 2018 na consecución dos 17 obxectivos establecidos -que van desde a eliminación da pobreza ata a loita contra o cambio climático, a educación ou a igualdade, entre outros- procurando o coidado ambiental en todas e cada unha das accións de goberno.

Nesta liña, a directora xeral expuxo que, xusto canto se está na metade do horizonte temporal de cumprimento da Axenda 2030, “Galicia pode dicir que se atopa no bo camiño”. De feito, incidiu en que o informe -que se levará proximamente ao Parlamento de Galicia- estuda o avance da comunidade en 60 das 169 metas propostas pola ONU e abarca 16 dos 17 obxectivos de desenvolvemento sustentable propoñendo un total de 172 indicadores sobre cuestións globais de interese común.

Galicia destaca especialmente en obxectivos como a auga limpa e saneamento (6), enerxía accesible e non contaminante (7) ou vida de ecosistemas terrestres (15), con todos os indicadores avaliados cunha tendencia positiva. Mentres, a evolución é mellor que no conxunto de España noutras cuestións como o fin da pobreza (1), saúde e benestar (3), igualdade de xénero (5), redución de desigualdades (10) e cidades e comunidades sustentables (11), nos que Galicia ten mellores resultados que o conxunto do Estado en máis do 75% dos indicadores avaliados.

Por iso, Sagrario Pérez apostou por seguir avanzando no cumprimento dos obxectivos de desenvolvemento sustentable -para impulsar o conxunto da sociedade e da economía de Galicia- e por enriquecer no futuro este informe garantindo así unha senda de éxito no cumprimento da Axenda 2030 na comunidade.

Esta estratexia, expuxo, permitirá avanzar cara a unha Galicia máis inclusiva socialmente, máis ecolóxica e climaticamente neutra, máis dixital, máis resistente e mellor adaptada aos retos actuais e futuros con capacidade de axuste para afrontar posibles crises.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/01/2024