O Bono Deporte da Xunta xa pode empregarse en case 150 establecementos da área de Vigo

A delegada en Vigo, Ana Ortiz, visitou este martes varios comercios adheridos á promoción destinada ás familias con nenos e nenas de 6 a 16 anos con licenza federada ou do Programa Xogade

Vigo, 9 de xaneiro de 2024

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, visitou este martes varios establecementos da cidade que están adheridos á campaña do Goberno galego para que as familias con nenos e nenas de 6 a 16 anos con licenza federada ou do Programa Xogade poidan descargar o Bono Deporte. 

A representante autonómica informou de que as solicitudes para recibir a axuda poderán realizarse ata o 29 de febreiro e os bonos descargados poderán empregarse ata o 1 de xullo. Ademais, destacou que trátase dun sistema que funciona a través dunha aplicación móbil, de maneira que o importe de 120 euros de cada bono contará cun desconto do 80% en cada compra ou servizo adquirido e irase consumindo en función do valor da compra.

O Bono Deporte pechou o pasado 2 de xaneiro o período de adhesión de establecementos comerciais ou entidades prestadoras de servizos á campaña con máis de 700 entidades en toda Galicia.

A listaxe está dispoñible na web bonodeporte.gal, na que tamén se recolle toda a información sobre o procedemento a seguir para poder realizar desde mañá a descarga dos bonos. Así, o primeiro paso consiste en darse de alta nesa web e, unha vez recibido un SMS de validación, xa se poderá activar e descargar o bono en formato dixital a través dun código QR.

Cada beneficiario disporá como máximo dun único bono por menor que se poderá descontar amosando o código QR no momento do pago nos establecementos comerciais e entidades deportivas ou prestadoras de servizos adheridos á iniciativa que estarán identificados ademais cun distintivo da campaña. A entidade accederá á aplicación que, sobre o importe total, validará e calculará o prezo final co desconto. Deste xeito, a plataforma rexistra e desconta o bono e actualiza o wallet do cliente.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/01/2024